O informe de expertos para a reforma e mellora da Universidade

Tempo haberá para analizar con detemento e profundidade as ‘Propuestas para la reforma y mejora de la calidad y eficiencia del sistema universitario español’ formuladas recentemente pola comisión de expertos creada polo Ministerio de Educación, Cultura e Deporte, mais nunha primeira aproximación pódense facer xa certas valoracións.

Da complexidade da tarefa e do longo camiño por percorrer, dá idea que o informe comece por lle lembrar á sociedade española que as universidades son a pedra angular da economía do coñecemento e que a competitividade no mundo actual se apoia no protagonismo do capital humano formado para a xeración de novas ideas e coñecemento, polo que pide que a sociedade española aprecie e coide máis a súa universidade e, en consecuencia, lle esixa máis.

Ao labor de concienciación colectiva segue o recoñecemento de méritos e a este a análise crítica. Pois ben, o informe reflicte o extraordinario papel que desempeñaron as universidades españolas no desenvolvemento cultural, económico e social do país desde a transición á democracia e o seu gran papel corrector de desigualdades sociais, pero tamén é contundente ao recoñecer que as universidades españolas necesitan unha maior diferenciación e especialización, que faltan universidades de excelencia e que as universidades non preparan a mocidade suficientemente para encontrar un traballo adecuado ao título que reciben.

Ante o que chama “disfuncións actuais nas universidades españolas que teñen a súa orixe nunha inadecuada identificación ou ordenamento” dos sectores do público ao que deben servir, o informe lembra que a universidade está ao servizo da sociedade e non de si mesma, e que o seu principal grupo de interese son o estudantado e o conxunto da sociedade que as financia e non o seu persoal docente e investigador nin o persoal de administración e servizos, reiterando que as universidades non son patrimonio dos seus membros (estudantes, PDI e PAS) senón da sociedade que as financia.

Ata aquí nada novo, senón que o informe reitera, coas súas propias palabras, o que veñen dicindo os últimos estudos realizados sobre a universidade española, desde o ‘Documento de Mellora e Seguimento das Políticas de Financiamento das Universidades‘ aprobado en 2010 polo Consello de Universidades e a Conferencia Xeral de Política Universitaria, ata o ‘Documento sobre Gobernanza Universitaria‘ do Ministerio de Educación de 2011, pasando polo da Comisión de Expertos Internacionais, ‘Universidades fortes para a España do futuro (2011)‘ por citarmos só tres.

Cando menos, parece existir unha práctica unanimidade sobre a necesidade de mellorar o financiamento e reformar o goberno das nosas universidades, incluído o procedemento de selección dos cargos unipersoais, sobre o que o informe chega a dicir que favorece a defensa de intereses corporativos por riba dos intereses xerais e, por tanto, da excelencia académica, que é o que necesita a sociedade.

En concreto, a reforma do goberno das universidades, en xeral, e do sistema de elección ou designación do reitor, en particular, é, sen dúbida, o tema que vai suscitar máis controversia como xa evidencia a adenda que dous dos compoñentes da comisión de expertos formularon e na cal se impugna a proposta de cambio do sistema de goberno por entender que pode afectar ao principio de autonomía das universidades consagrado no art. 27.10 da Constitución española.

O esencial da proposta consiste na substitución do consello de goberno e do consello social por un único órgano, o consello da universidade que elixiría o reitor –que segue sendo necesariamente un académico– e cuxa autoridade se reforza. Igualmente, o informe preocúpase moito de salvagardar o principio de autonomía da universidade, xa que insiste en que o novo órgano mellora e garante a participación efectiva da sociedade civil no goberno das universidades, mais asemade mantén unha maioría académica co fin, precisamente, de garantir a autonomía universitaria. A falta de valoracións máis detidas, non me parece, prima facie, que a reforma proposta pola comisión de expertos menoscabe a autonomía das universidades e menos aínda as liberdades de ensino, de cátedra e de investigación, auténtico escudo protector da universidade ante calquera intento de inxerencia externa nela.

En calquera caso, si me parece un tema prioritario e de responsabilidade social sermos capaces entre todos de dotar ás nosas universidades dun sistema de xestión e goberno eficiente en que a primeira autoridade, o reitor, sexa unha persoa con capacidade e medios para xestionar e gobernar unha institución que ten que ser, como pide o informe, áxil, científica e eficaz, para dar resposta con eficiencia aos retos que formula o ensino público superior do século XXI, sempre con respecto do principio da autonomía universitaria, consagrado constitucionalmente non de maneira absoluta, a diferenza das liberdades de ensino, de cátedra e de produción científica, senón “nos termos que a lei estableza”, polo que obviamente está moi lonxe de poderse entender como soberanía, e que non obstante o seu carácter de garantía fundamental, ten un carácter institucional e non político, ao servizo das liberdades antes citadas.

Artigo publicado na edición de abril de 2013 da revista U+S

CompartirEmail this to someoneShare on FacebookTweet about this on TwitterShare on LinkedIn