A Conferencia de Consellos Sociais das Universidades Públicas Españolas

Entre os pasados días 18 e 20 de novembro realizáronse na Universidade das Palmas de Gran Canaria as Xornadas de Presidentes e Secretarios de Consellos Sociais das Universidades Públicas Españolas e delas merece destacarse a consolidación definitiva da Conferencia de Consellos Sociais das Universidades Públicas Españolas. A Conferencia, constituída ao abeiro da LO 1/2002, do 22 de marzo, reguladora do dereito de asociación, comezou a súa andaina no ano 2006 e agrupa xa 42 universidades do total das 47 que constitúen o mapa universitario público español, entre elas a Universidade da Coruña, que se adheriu no ano 2008. Nestas xornadas aprobouse o ‘I Plano Estratéxico 2010–2012’ destes órganos, en que se definen cinco grandes liñas estratéxicas. Tendo en conta que os consellos sociais son o órgano de participación da sociedade na universidade, as funcións relevantes que desempeñan nos ámbitos do control económico e académico das universidades e o aínda maior que están chamados a desempeñar no campo da gobernación universitaria, facíase imprescindible constituír unha entidade que unise as forzas de todos os consellos sociais para contribuír á mellora do sistema de educación superior, mediante o desenvolvemento de accións e programas que reforcen o papel social das universidades públicas españolas. Deste xeito, a Conferencia de Consellos Sociais das Universidades Públicas Españolas configúrase como o segundo gran interlocutor –xunto coa Conferencia de Reitores das Universidades Españolas (CRUE)– ante o Ministerio de Educación para definir a estratexia da política universitaria española.

A primeira liña estratéxica do Plano 2010-2012 busca a mellora da calidade das ensinanzas universitarias e a súa adecuación ás necesidades sociais, no marco do Espazo Europeo de Educación Superior. Nesta liña inscríbese o obxectivo de que a participación dos consellos sociais no proceso de reforma das titulacións adaptadas a Boloña se traduza na efectiva adaptación da nova oferta académica ás necesidades da sociedade, e o de que os consellos sociais poidan acometer o establecemento de normas de permanencia do estudantado na universidade, en converxencia coas que existen no resto das universidades europeas.

A segunda liña estratéxica busca favorecer a proxección social das universidades públicas españolas por medio do fomento da transferencia de coñecementos e o espírito emprendedor. Nela enmárcanse os obxectivos de promover, a través dos planos anuais de actuación dos consellos sociais, as relacións da universidade co seu contorno, a responsabilidade social universitaria e as iniciativas que faciliten as políticas de transferencia e difusión dos resultados obtidos na investigación universitaria, así como a creación de empresas de base tecnolóxica, en resposta ás necesidades e demandas sociais.

A terceira liña estratéxica pretende pular unha cultura organizativa e de xestión transparente e eficiente nas universidades públicas españolas, promover unha completa rendición de contas á sociedade e procurar que o actual modelo de financiamento das universidades públicas españolas, claramente regresivo, incorpore os principios de eficiencia e equidade, mediante unha maior participación dos beneficiarios concretos da actividade formativa da universidade no seu financiamento.

A cuarta liña estratéxica incide na mellora da gobernación das universidades públicas españolas. Seguindo as prácticas habituais nos sistemas universitarios máis competitivos, que dan crecente protagonismo en competencias de índole estratéxica a órganos con presenza de membros externos á universidade, ao estilo dos boards estadounidenses, parece claro que os consellos sociais españois, pola súa natureza de órganos de participación social e carácter externo, ao estaren constituídos por personalidades da vida cultural, profesional, económica, laboral e social están chamados a desempeñar un papel fundamental nun futuro redeseño da estrutura orgánica universitaria, que necesariamente deberá tratar o modelo de gobernabilidade. Para iso, será necesario tratar o cambio lexislativo e a regulación adecuada dos consellos sociais, de modo que teñan o recoñecemento legal e institucional necesario para desenvolveren as súas funcións con autonomía operativa, suficiencia económica e en liña coa transcendencia das funcións que deben desempeñar.

Por último, a quinta liña estratéxica céntrase nas medidas que se desenvolverán para fortalecer a operatividade da propia Conferencia de Consellos Sociais.

Artigo publicado na edición de decembro de 2009 da revista U+S

CompartirEmail this to someoneShare on FacebookTweet about this on TwitterShare on LinkedIn