A necesidade da transferencia de resultados da universidade para o desenvolvemento económico e social

O pasado día 18 de outubro a UDC convidounos a Francesc Solé, vicepresidente da Fundación CYD e director da Unidade de Valorización do Parque Tecnolóxico da Universidade Politécnica de Cataluña, e a min a darmos unha charla-coloquio sobre a transferencia e a valorización da investigación como motor do desenvolvemento económico e social, no marco das xornadas que organizou a Vicerreitoría de Investigación e Transferencia baixo o título xenérico de “Universidade e empresa”, e que tiveron como icona máis visible a colocación de distintos paneis no Cantón Grande da Coruña e a publicación dun oportuno folleto en que se resume a oferta tecnolóxica da UDC.

No coloquio que seguiu á charla xerouse un interesante debate, o que pon de relevo a atención que concita hoxe en día a terceira misión universitaria (a contribución das universidades ao desenvolvemento económico e social) e, máis concretamente, a transferencia do coñecemento e da investigación xerados na universidade e a súa posta en valor polo sector produtivo.

Coincide no tempo que, co apoio da Unión Europea, acábase de facer público o volume ‘Libro verde da terceira misión nas Institucións de Ensinanza Superior’ e que o Ministerio de Economía e Competitividade do Goberno de España acaba de publicar o seu documento ‘Estratexia española de Ciencia, Tecnoloxía e Innovación 2013-2020’. Na liña de incidirmos alí onde están os problemas reais da universidade e co fin de mellorar a relación universidade-empresa, o Consello Social acaba de publicar tamén unha obra do investigador Juan Castro baixo o título ‘Emprendimiento y transferencia de conocimiento, la optimización de los resultados y capacidades del I+D de origen público’.

Está moi claro que na actual sociedade global do coñecemento en que se enmarca España, onde a investigación científica e técnica, o impulso tecnolóxico e a innovación constitúen factores indispensables para o desenvolvemento e crecemento económico dun país, e representan a base do progreso e benestar social, e dada a nosa situación de crise económica e desemprego, é inadiable a creación e consolidación de ecosistemas de investigación e innovación que sumen sinerxías e melloren a competitividade científica, tecnolóxica e industrial, non só promovendo a xeración do coñecemento e da investigación, senón ademais logrando a súa transformación en produtos e servizos innovadores capaces de competiren con marcas notorias e de renome nunha economía global.

Os datos e as cifras postos de relevo e avalados por prestixiosas institucións (véxase os informes ‘A ciencia en Galicia’ da Fundación Barrié e ‘Tecnología e Innovación en España’ da Fundación Cotec, ambos deste mesmo ano, xunto con ‘La universidad y la empresa española’ do ano 2010 e da Fundación CYD) reflicten con claridade que a universidade é unha das protagonistas necesarias dese ecosistema:

  • En Galicia, o 43% do gasto en I+D entre 2000 e 2010 procede da universidade, o 42% do sector empresarial e o 15% das administracións públicas (29%, 54% e 17% respectivamente para o total español, 23%, 64% e 13% en Europa). As universidades públicas, en Galicia e en España, teñen un gran protagonismo na investigación, moi superior ao que teñen en Europa. Pola contra, o gasto en I+D executado polo sector empresarial en España (0,72% PIB) ten un peso moi inferior ao que ten no conxunto da UE-27 (1,17) ou no conxunto da OCDE (1,62%).
  • En España só o 34% do persoal investigador traballa no sector empresarial, unha porcentaxe 10 puntos inferior á media da UE-27; o 48% está no ensino superior e o 18% na Administración pública.
  • Somos o noveno país do mundo en produción científica, facemos case o 3% da produción científica mundial, aínda que se atendemos non tanto ao volume como á calidade (impacto segundo o número de citas por documento publicado) caemos ao posto 16º. Pois ben, as universidades son responsables do 53% desas publicacións.

Ora ben, as cifras tamén reflicten que, malia a universidade pública facer moita e boa ciencia, non somos capaces de trasladala ao mercado:

  • Ocupamos o posto 42 no índice de competitividade global do Foro de Davos.
  • O tecido produtivo español ten escasa capacidade para xerar I+D+i ou para absorber a xerada nas universidades e centros públicos de investigación, ao estar dominado por pemes en sectores tradicionais e de baixa intensidade tecnolóxica. O número de empresas innovadoras é reducido e o peso dos sectores de media-alta tecnoloxía limitado.
  • Patentamos pouco, de aí que ocupemos a 25ª posición en patentes tríadicas: 5,1 por millón de habitantes fronte a 27,89 na UE-27 e 36,82 na OCDE, e as universidades só xeran o 13,1% das patentes.
  • O 88% dos gastos da I+D da universidade son financiados pola Administración pública; só o 18% procede do autofinanciamento. Nun contexto de escaseza de recursos públicos, a universidade non poderá seguir financiando a súa excelencia con transferencias do sector público, co cal o financiamento vía transferencia de resultados aparece como requisito necesario para a súa eficiencia investigadora.

A conclusión é evidente: a posta en valor polo sector produtivo do coñecemento e da investigación xerados nas universidades é unha das materias pendentes da economía española. Temos que converter a innovación e a xeración e uso do coñecemento científico e técnico nun dos motores do crecemento económico e da creación de emprego, e niso a universidade ten que xogar un papel protagonista.

Artigo publicado na edición de novembro de 2012 da revista U+S

Compartir esta entrada:
Email this to someone
email
Share on Facebook
Facebook
Tweet about this on Twitter
Twitter
Share on LinkedIn
Linkedin