A terceira misión da universidade, un obxectivo necesario e inaprazable

Recentemente viu a luz o documento denominado ‘Libro verde para el fomento y la medición de la tercera misión de las instituciones de educación superior’, elaborado por un grupo de universidades europeas e financiado pola Comisión Europea, no marco dun programa cuxos obxectivos son mellorar a calidade, eficiencia e eficacia da educación superior e a súa contribución á sociedade e ao sector empresarial.

Tamén se acaba de publicar o informe da Fundación Conocimiento y Desarrollo (CyD) 2011 sobre ‘La contribución de las universidades españolas al desarrollo’, que este ano incorpora unha monografía sobre ‘La transferencia de tecnología y conocimiento universidad-empresa en España: estado actual, retos y oportunidades’, en que se analiza o estado actual en España da terceira misión universitaria.

Existe unha concienciación e un recoñecemento crecente no mundo sobre o papel que as universidades deben de asumir no desenvolvemento económico e social na moderna sociedade do coñecemento. Nas últimas décadas, o papel das universidades pasou de estar centrado unicamente nas súas dúas misións clásicas de ensino e investigación, a xirar en torno ao seu protagonismo necesario como motores do desenvolvemento social, cultural e económico do seu contorno, en condición de institucións da sociedade necesariamente implicadas co seu sector produtivo.

O eixe central da terceira misión universitaria constitúeo a transferencia do coñecemento e da tecnoloxía e a súa posta en valor polo tecido produtivo, fortalecéndose así o compromiso de responsabilidade social da universidade mediante a súa contribución efectiva á mellora da competitividade do seu contorno e, polo tanto, á creación de riqueza e emprego, o que obviamente é o gran reto da sociedade española nestes momentos.

No caso concreto das nosas universidades, propoño a continuación o seguinte decálogo de consideracións e suxestións:

  1. A terceira misión focalízase na interacción entre as universidades e o resto da sociedade. A súa posta en práctica complementa e fortalece as súas misións de formación de capital humano e de investigación, fronte a concepcións, hoxe plenamente superadas, que vían na terceira misión unha alteración da natureza e das esencias da Academia.
  2. É necesario que a investigación universitaria se axuste á demanda do mercado. Esta aparente restrición á liberdade de investigación, difícil de admitir nunha cultura social escasamente baseada na idea de cooperación e esforzo común, xustifícase hoxe máis que nunca na necesidade –tamén para as universidades– de crear valor económico e emprego.
  3. España ocupa a 9ª posición na clasificación mundial de países por produción científica, á que non é allea a nosa política universitaria tradicional de incentivar a carreira académica en función das publicacións, e aproximadamente a 30ª posición en innovación e competitividade. Urxe superar este gap e reorientar semellante capacidade de investigación das nosas OPI (singularmente as universidades) cara á súa posta en valor produtivo, entre outros mecanismos, valorizando a transferencia (patentes, etc.) no currículo académico.
  4. Na actual situación de crise económica e conseguinte diminución das achegas do sector público para o financiamento universitario, a terceira misión preséntase, non xa como unha necesidade para a creación de emprego e riqueza que a nosa sociedade demanda de maneira urxente, senón como unha fonte de mellora e xeración de recursos económicos para as universidades a través dos ingresos derivados dos contratos de cooperación ou/e transferencia de tecnoloxía co sector produtivo.
  5. A necesaria competencia que esixe a transferencia de resultados implica, por si mesma, unha mellora no funcionamento das nosas universidades, ata agora demasiado funcionariais e iguais e escasamente forxadas na cultura da necesaria innovación e mellora permanente a que obrigan as prácticas do libre mercado.
  6. É evidente o reto que a terceira misión representa para os consellos sociais das universidades, na medida en que son precisamente os órganos a que se lles confire a responsabilidade da interrelación sociedade-universidade. Neste sentido, debe superarse a limitación que representa a nosa actual lexislación universitaria, ao configuralos, sobre todo, como órganos centrados no control e na supervisión das actividades económicas das universidades e para a captación de recursos que melloren o financiamento daquelas. A función dos consellos sociais debe ser reorientada cara ao seu maior protagonismo no fomento da terceira misión: impulsar a colaboración entre a sociedade e as universidades mediante a satisfacción por estas das necesidades do seu contorno, contribuíndo eficazmente ao desenvolvemento social, profesional, económico, tecnolóxico e cultural.
  7. Hai que apoiar a creación de unidades especializadas dentro das universidades para articular eficazmente as políticas de transferencia de resultados ao tecido produtivo. A actual configuración das OTRI non é a adecuada. Para facer investigación colaborativa con empresas, xestionar patentes e licenzas e promover spin-offs, hai que ter formación e cultura empresarial. Hai que facer organizacións profesionais de transferencia de tecnoloxía (OTT) cun pé na universidade e outro no sector produtivo. Unha posible solución transitoria sería procurar o seu achegamento aos consellos sociais.
  8. Se realmente queremos que as universidades sexan protagonistas do desenvolvemento social e económico a través da súa terceira misión, é necesario tratar o gran reto pendente de cambiar o seu sistema de xestión e gobernanza. O actual sistema académico-burocrático de xestión das universidades é un obstáculo considerable para a súa eficiente interrelación coa sociedade.
  9. Ha de recoñecerse que a LOMLOU do ano 2007 e sobre todo a promulgación da Lei 2/2011 de economía sostible e 14/2011 da ciencia, a tecnoloxía e a innovación, melloraron considerablemente o marco lexislativo para que as universidades desenvolvan a súa terceira misión en liña coa necesidade que España ten nestes momentos, en plena sociedade do coñecemento do século XXI, de que as súas universidades sexan protagonistas activas do desenvolvemento social e económico.
  10. Por último, destacar que a responsabilidade social universitaria, na medida en que a transparencia, a rendición de contas e o compromiso social enraízan aínda máis as universidades na sociedade, é o complemento imprescindible da terceira misión universitaria.

Artigo publicado na edición de xullo de 2012 da revista U+S

Compartir esta entrada:
Email this to someone
email
Share on Facebook
Facebook
Tweet about this on Twitter
Twitter
Share on LinkedIn
Linkedin