A Universidade Pública Posible

Discurso pronunciado o 5 de febreiro de 2015 na apertura do ciclo de conferencias «A Universidade Pública Posible», dentro dos actos de celebración do 25 aniversario da UDC.

En primeiro lugar, quero agradecer ao Reitor a súa invitación para participar nesta conferencia, coa que a UDC inaugura o ciclo “A Universidade Pública Posible”, dentro da celebración do seu 25 aniversario. Para min, persoalmente e como Presidente do Consello Social, é unha honra participar nun acto que considero unha excelente oportunidade para levar ao debate universitario, e polo tanto ao terreo intelectual, científico e reflexivo dunha sociedade plural, a razón de ser e a misión da universidade en España, nun futuro que se presenta convulso e fortemente influenciado polos fenómenos sociais, políticos e culturais que explican o noso tempo.

A propia Universidade anunciaba esta conferencia na súa páxina web, deixando entrever o debate co que convive a Universidade Pública no noso tempo, coa seguinte pregunta: “Os docentes, sempre investigadores, teñen que facer agora transferencia dos seus coñecementos non só aos alumnos como vai de seu, senón tamén á sociedade e ás empresas. As universidades son agora centros de estudo, de investigación e de creación de empresas. Imos por bo camiño?”.

Encontrar o bo camiño da universidade, no seo dunha sociedade que non remata de entender que o futuro se labra na educación de hoxe e que unha sociedade vale o que vale a suma do talento formado dos seus cidadáns, sendo as universidades fábricas indiscutiblemente necesarias dese talento, debe de ser, sen dúbida, unha das nosas principais inquedanzas. Nesta difícil conxuntura política, social e económica que atravesamos, temos claro cal é a ruta que debemos seguir para superar as adversidades e construír unha universidade mellor?

Despois de máis de vinte anos vinculado, dalgunha maneira, a esta universidade e case sete como presidente do seu Consello Social, pero tamén dende o meu traballo no sector privado que considero una plataforma privilexiada de valores como a competitividade e a internacionalización, dos que quixera ver disfrutar o día de mañá aos nosos estudantes, veño insistindo, con ánimo construtivo e con vocación de servizo público, nalgunha posible resposta.

Aínda que a universidade é de toda a sociedade, que lle confía a suprema responsabilidade do servizo público do ensino superior e a cuxo servizo polo tanto se debe, vexo claro que ten un grupo de interese prioritario que son os seus alumnos. Eles son a razón de ser do sistema e neles temos que pensar cando facemos universidade.

Preparamos os estudantes para inserilos laboralmente nun mundo global e sen fronteiras no cal algúns serán funcionarios pero a maioría farán, por conta propia ou allea, empresa, porque as empresas son os protagonistas indiscutibles do desenvolvemento económico e social e da creación de emprego e riqueza, coa mesma certeza coa que dicimos que as universidades o son da formación do talento.

Son dúas caras dunha mesma moeda porque non hai unha sociedade pública e outra privada, hai unha única e creo que o que lles interesa aos nosos estudantes, e polo tanto no que se deben concentrar os nosos esforzos, é a procura dunha formación excelente na transmisión do coñecemento, certamente imprescindible, pero tamén rica nas competencias profesionais que hoxe moven o mundo: a innovación, o emprendemento, a mentalidade internacional propia dun mundo global, o liderado, a xestión de equipos, as habilidades interrelacionais e un longo etcétera na mesma liña.

Para que esta formación integral sexa posible, precisamos de empresas comprometidas coas súas universidades e que estas entendan que sen a sa cooperación daquelas nas súas funcións de ensino e investigación, máis alá do simple patrocinio ou financiamento, aquel obxectivo non será posible.

Dicir que as universidades deben de ser centros de creación de empresas non me parece unha frase acertada, pero si creo que a terceira misión universitaria -a transferencia de resultados da investigación e a súa posta en valor polo tecido produtivo- forma parte da esencia da universidade a parecido nivel que as misións de ensino e investigación, e hoxe quizais máis que nunca, porque a nosa sociedade o precisa por moitas razóns. Abonda dicir que en España a investigación se fai sobre todo nos centros públicos, entre eles esencialmente nas universidades, cubrindo claras insuficiencias do sector privado. O I+D+i é unha necesidade transversal da economía actual e, polo tanto, a terceira misión convértese nun instrumento necesario da creación de emprego e riqueza. Unha sociedade cos datos económicos e as cifras de desemprego da nosa, incluíndo o desemprego de egresados universitarios que dobra a media europea, non pode seguir suspendendo nesta materia.

Crer e facer de maneira excelente terceira misión universitaria require certamente un cambio na cultura de empresas e universidades, pero paréceme un erro dicir que o achegamento empresa-universidade cuestiona as esencias da academia e mesmo o sagrado principio da equidade universitaria. A universidade pública vén sendo en España e ten que seguir sendo, non xa unha institución que garante o acceso a educación superior en condicións de igualdade de oportunidades, é dicir, con independencia da capacidade económica dos estudantes, senón ademais o grande instrumento de igualación social pola vía do mérito e do esforzo, fronte a cultura da especulación e o enriquecemento fácil que tanto dano lle fixo á sociedade española.

Pedímoslle moito as universidades: ensino, investigación e transferencia conxunta coas empresas para crear riqueza e todo con excelencia internacional. Cando a unha persoa, o a unha institución, se lle pide tanto, o primeiro que hai que pensar é que se lle valora e se lle aprecia, porque se confía na súa capacidade. O segundo, que hai que darlle medios, económicos e de flexibilidade e autonomía de xestión para que explote todo o seu talento, que na universidade é inmenso; esta é unha responsabilidade da sociedade, o que nos permite dicir que da situación de carencia actual de ambos, financiamento e axeitado sistema de xestión, a universidade é moito máis vítima que culpable. Pero tamén hai que pedirlle ás universidades un esforzo de adaptación a este mundo global no que vivirán e traballarán os nosos estudantes, porque o mundo cambia cada vez máis en menos tempo e a universidade ten que seguir ese ritmo. Os estudantes e a sociedade necesítano e todos sairemos gañando.

Moitas grazas.

Compartir esta entrada:
Email this to someone
email
Share on Facebook
Facebook
Tweet about this on Twitter
Twitter
Share on LinkedIn
Linkedin