Algunhas reflexións sobre a autonomía universitaria

O artigo 27.10 da Constitución Española de 1978 (‘Dereito á educación’), establece que “se recoñece a autonomía das universidades, nos termos que a lei estableza”. Pola súa banda, os artigos 20.1, b) e c) recoñecen o dereito á produción científica e á liberdade de cátedra, conformando un necesario marco de garantías constitucionais protector da universidade ante calquera tentación de inxerencia externa ideolóxica ou/e política.

A Lei orgánica 6/2001, do 21 de decembro, de universidades, indica expresamente no seu artigo 2.2 que: “A actividade da universidade, así como a súa autonomía, fundaméntanse no principio de liberdade académica, que se manifesta nas liberdades de cátedra, de investigación e de estudo. A autonomía universitaria esixe e fai posible que docentes, investigadores e estudantes cumpran coas súas respectivas responsabilidades, en prol da satisfacción das necesidades educativas, científicas e profesionais da sociedade, así como que as universidades rendan contas do uso dos seus medios e recursos á sociedade”.

O Tribunal Constitucional pronunciouse en diversas sentenzas sobre o dereito fundamental á autonomía universitaria, vinculándoa e fundamentándoa no respecto ás liberdades de investigación e de cátedra fronte a calquera inxerencia externa: “Xa dixemos en anteriores sentenzas que a finalidade esencial do dereito á autonomía universitaria reside na tutela das liberdades académicas: de ensino, de investigación e de estudo (STC 103/2001). Trátase de garantir, na súa dobre vertente individual e colectiva, a liberdade de ciencia. A autonomía universitaria é a dimensión institucional da liberdade académica para garantir e completar a súa dimensión persoal, constituída pola liberdade de cátedra” (STC 75/97).

Pero con igual reiteración veu fixando os límites ao seu exercicio: “Este dereito fundamental é un daqueles cuxa configuración se defire á lei, segundo anuncia o artigo 27.10 da Constitución. Corresponde, pois, ao lexislador delimitar e desenvolver esa autonomía, determinando e recoñecendo ás universidades as potestades necesarias para garantir a liberdade académica (…). A autonomía universitaria non é un dereito ilimitado que pode condicionar ou imposibilitar as decisións que lles corresponde adoptar ao Estado ou ás comunidades autónomas para a determinación e organización do sistema universitario no seu conxunto e en cada caso singularizado (…)” (STC 106/1990, 187/1991 e 155/1997). “Pero mesmo aquí (dereito a fixar o que debe ser ensinado, estudado e investigado), o dereito á autonomía universitaria non é absoluto senón que encontra o seu límite na fixación, polo Estado, da bagaxe indispensable de coñecementos que se deben alcanzar para obter cada un dos títulos oficiais e con validez en todo o territorio nacional” (STC 103/2001) “a autonomía -de estrita configuración legal- non está máis que ao servizo da liberdade académica no exercicio da docencia e a investigación…” (STC 47/2005).

Aínda que a formulación teórica da autonomía universitaria e a súa vinculación ás liberdades de investigación e de cátedra é clara e ninguén dubida do seu valor e necesidade, na práctica converteuse no tema de debate que condiciona a necesaria reforma universitaria española, como o proba o feito de que, tras a recente presentación do informe da Comisión de Expertos para a Reforma do Sistema Universitario Español titulado ‘Propostas para a reforma e mellora de calidade e eficiencia do sistema universitario español’, dous dos devanditos expertos formulan unha adenda particular por “a súa posible vulneración do contido esencial do dereito á autonomía”.

Durante anos, o pretendido respecto da autonomía universitaria foi a escusa que esgrimiu a sociedade española para non asumir as súas responsabilidades na conformación dunha universidade esixente e excelente nos seus sistemas de xestión, goberno e financiamento, consentíndose un sistema endogámico en que a defensa de intereses corporativos baleirou de contido o principio indubidable, tantas veces invocado como pouco cumprido, de que a universidade non é propiedade dos seus profesores, investigadores ou alumnos, senón da sociedade. Non é culpa da universidade a situación actual, porque a ninguén se lle pode pedir que sexa cirurxián de si mesmo, senón daqueles que, desde a súa recoñecida falta de confianza e apoio á educación en xeral e á universidade en particular, consentiron que se confunda autonomía con soberanía para xustificar a súa pasividade e falta de decisións para dotar a universidade española dos medios normativos, de organización e financeiros que a nosa sociedade precisa, ata o punto de ser evidente que entre as causas da actual situación da economía española están a escasa achega das universidades, malia o seu meritorio esforzo na transmisión de coñecementos e investigación, á cultura do emprendemento e á promoción das competencias profesionais, e a debilidade da súa terceira misión ou posta en valor produtivo do seu coñecemento e investigación.

A análise detallada dos argumentos duns e doutros expertos excedería o alcance deste artigo, pero si se pode afirmar, xa ab initio, que sorprende que se diga na adenda dos profesores Alzaga e Urrea, nesta altura de desenvolvemento do estado de dereito en España, que só a situación de profesor funcionario respecta a garantía constitucional que comporta a liberdade de cátedra, de modo que unha desfuncionarización progresiva do profesorado poñería en risco a independencia investigadora e docente dos profesores, cuestionando a liberdade de ciencia, ou que un órgano de goberno como o Consello da Universidade, previsto no informe da comisión de expertos (e que substituiría os actuais consellos de goberno e consellos sociais), poida ser inconstitucional polo simple feito de que a súa representación social constitúa unha minoría determinante, e iso aínda recoñecendo a doutrina do Tribunal Constitucional, na súa desafortunada sentenza 26/1987, cando afirma que “a comunidade universitaria non pode quedar subordinada en materias estritamente académicas -distinto tema son os asuntos de xestión e goberno- a un órgano coa composición que ten o Consello Social, é dicir, unha participación maioritaria dos intereses sociais”. Pero non diciamos que a universidade é da sociedade, que a autonomía se recoñece nos termos que a lei estableza e que os consellos sociais son órganos de goberno universitarios que representan precisamente a sociedade?

Ao final o que importa é a excelencia das nosas universidades e, en termos do repetido informe de expertos e tamén do ‘Audacia para chegar máis lonxe: universidades fortes para a España do mañá (2011)’ da comisión de expertos internacionais Tarrach: “O sistema universitario español require unha profunda reforma para cumprir axeitadamente con dúas tarefas: a formación da mocidade e a xeración de novas ideas e coñecemento. Os órganos de goberno universitario, sobre todo nas universidades públicas, son moitos e con demasiados membros; como resultado, os procesos de toma de decisión son longos, custosos e pouco eficientes. Por outra parte, a propia regulación actual do SUPE é excesiva, o que resta autonomía e eficacia ao goberno universitario. É desexable, polo tanto, mellorar e axilizar o proceso de rendición de contas e a profesionalidade da xestión”.

É responsabilidade de todos cumprir ese obxectivo garantindo as liberdades de cátedra e investigación.

Artigo publicado na edición de xullo de 2013 da revista U+S

 

Compartir esta entrada:
Email this to someone
email
Share on Facebook
Facebook
Tweet about this on Twitter
Twitter
Share on LinkedIn
Linkedin