A Cátedra Inditex-UDC, un exemplo de colaboración público-privada

Discurso pronunciado o 10 de xuño de 2016 no acto de clausura da quinta edición do Curso de Especialización en Responsabilidade e Innovación Social (CERIS) da Cátedra Inditex-UDC de Responsabilidade Social.

En primeiro lugar, quero trasladar a miña felicitación persoal e o meu agradecemento aos novos egresados e ao equipo da Cátedra Inditex-UDC de RS, polos excelentes resultados acadados nesta quinta edición do posgrao en responsabilidade e innovación social dos que é unha boa mostra este acto de clausura coa presenza hoxe aquí de Christina.

Os retos que representa unha sociedade que quere acadar o benestar social común no tempo presente, só poden ser logrados se son compartidos por moitos actores.

O conflito e enfrontamento entre o público e o privado ou entre o capital e o traballo, por poñer dous exemplos, ten que deixar paso, no mundo global no que vivimos, a unha colaboración franca e leal entre os sectores implicados, na que cada parte recoñeza a necesaria aportación das outras na creación de valor social e a imprescindible colaboración nun marco de respecto mutuo en prol do interese xeral.

Neste sentido, a Cátedra Inditex-UDC de RS é un exemplo de colaboración público-privada nun tema de evidente interese común: empresa privada e universidade pública xuntas educando, formando, investigando e impactando para transformar a sociedade, dende o seu propio compromiso social e medioambiental engadido; a empresa con maior ética e transparencia na súa xestión, máis atención ás persoas máis desfavorecidas ou en risco de exclusión vinculadas ao seu modelo de negocio e procurando o menor impacto posible no medio ambiente; a universidade engadindo a súa evidente natureza de servizo público, o compromiso de impartir e defender principios e valores éticos, sociais e ambientais entre todos os seus grupos de interese, poñendo en práctica políticas de xestión eficiente e participativa, de transparencia e de rendición de contas, que permitan a avaliación de resultados, de equidade, mérito e capacidade a partir da igualdade de oportunidades e non discriminación inxusta, en especial, por razóns económicas; atención ás persoas con discapacidades e necesidades educativas especiais; conciliación da vida laboral e familiar; respecto ao medio natural e un longo etcétera na mesma liña.

Un esquema semellante, nun contexto diferente, preséntase nunha cadea de suministración global, como a téxtil na que opera Inditex. De ningún xeito sería plantexable no mundo actual un modelo de negocio de fabricación e distribución de pezas de vestir, sen mecanismos, foros e plataformas de colaboración entre os protagonistas involucrados que garantisen o resultado dun produto san, seguro e ademais ético en canto baseado no respecto absoluto dos dereitos humanos e laborais fundamentais de todos os traballadores involucrados na cadea de subministración, fabricación e venda.

Un bo exemplo de execución de sinerxías en prol do interese común das partes implicadas son os “Acordos Marcos Globais” (AMG), que teñen por obxecto, segundo definición da propia IndustriALL, protexer os intereses dos traballadores en todas as filiais e operacións das empresas multinacionais, establecendo criterios para a adopción das mellores prácticas en materia de dereitos sindicais, saúde, seguridade e medioambiente. Inditex firmou con IndustriALL un Acordo Marco Global no ano 2007, en cuxa redacción, por certo, intervín e é unha das miñas mellores experiencias como avogado de empresa, que foi o primeiro das súas características asinado por unha marca de moda global. O Acordo desenvolveuse no ano 2012, e renovouse no 2014, cun Protocolo que aumentou a capacidade de actuación dos sindicatos locais e internacionais. Finalmente, en abril deste ano, firmouse un novo Acordo precisamente para mellorar, a través da figura do experto sindical, a coordinación do traballo entre os sindicatos e os equipos de sostenibilidade de Inditex nos diferentes países.

En definitiva, con moi diferentes modelos e situacións, cooperación que sempre favorecerá máis aos que máis o precisan. Así o defendemos na nosa Cátedra.

Moitas grazas.

CompartirEmail this to someoneShare on FacebookTweet about this on TwitterShare on LinkedIn