Consellos sociais, realmente queremos que funcionen?

A Lei orgánica 6/2001, do 21 decembro, de universidades (LOU), modificada pola Lei orgánica 4/2007, do 12 abril (LOMLOU), define os consellos sociais como os órganos de participación da sociedade na universidade e asígnalles a función xeral de exercer como elementos de interrelación entre ambas as dúas e, en concreto, a supervisión das actividades de carácter económico e do rendemento dos servizos da universidade e a promoción da colaboración da sociedade no seu financiamento.

Non obstante a indubidable lexitimación e transcendencia das súas funcións (reiteradamente escoitamos dicir aos nosos representantes políticos e universitarios que a universidade non é do seu profesorado, nin do seu cadro de investigación, nin do seu estudantado, senón da sociedade, que é ademais quen a financia por vía fiscal dado que as taxas universitarias apenas cobren o 10 por cento do seu custo) os Consellos Sociais son os grandes descoñecidos da universidade e a súa achega á construción e mellora da ensinanza pública superior en España é moi limitada, sendo en non poucos casos simples órganos ratificantes das decisións universitarias.

Recentemente a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria acometeu a redacción da nova Lei do sistema universitario de Galicia (LSUG). O proxecto representa unha oportunidade para que os consellos sociais, se realmente cremos neles e entendemos que teñen unha función institucional importante que cumprir, melloren a súa condición e se superen parte das limitacións que actualmente fan que a súa configuración non sexa en moitos aspectos a axeitada para que poidan cumprir a súa función de participación social no goberno das universidades, de xeito que estas cheguen a ser as institucións excelentes e eficientes que todos queremos e que a sociedade galega e española necesita.

Un recente documento de traballo, elaborado pola Conferencia de Consellos Sociais das universidades públicas españolas ‘Estudo-Proposta de elementos comúns para as leis autonómicas reguladoras dos consellos sociais das universidades públicas españolas’ fai unha chamada á responsabilidade do lexislador autonómico, para que “impulse, perfile, concrete ou desenvolva aínda máis as atribucións e organizacións dos consellos sociais, dentro do máis estrito respecto á LOU. Nas circunstancias actuais en que emerxe con forza a reforma da gobernanza como materia pendente da universidade española, é necesario que a adaptación da lexislación autonómica sobre os consellos sociais se aborde como oportunidade de mellora con visión de futuro. A superación das actuais limitacións dos consellos sociais, para o eficaz desempeño dos seus cometidos, require reformas puntuais encamiñadas a reforzar as atribucións competenciais e as capacidades operativas destes órganos de participación social no goberno da universidade… A capacidade lexislativa que teñen as comunidades autónomas para regular a composición e as funcións dos consellos sociais, deixa aberta unha porta para ir transitando cara a novas formas de goberno que permitan mellorar o posicionamento competitivo da universidade española e a súa contribución ao desenvolvemento económico e social”.

Imos relacionar a continuación algúns aspectos que necesariamente deberá tratar a futura LSUG, se realmente queremos mellorar a actual situación dos nosos consellos sociais.

Natureza. Na actual regulación, os consellos sociais son órganos de natureza difusa e inconcreta, como o é a súa definición de órganos de participación da sociedade na universidade, e faise necesario dar un paso máis cara á súa configuración como verdadeiros órganos universitarios de goberno, en liña coas súas efectivas funcións de goberno e dirección.

Autonomía. A actual regulación dos consellos sociais de Galicia ofrece o paradoxo dun órgano con funcións de control e supervisión económica, orzamentaria e do rendemento dos servizos que depende, practicamente na súa totalidade, do órgano controlado. Na medida en que os consellos sociais son órganos da universidade, non teñen personalidade xurídica propia e, polo tanto, dependen, no seu orzamento, persoal e autonomía operativa, da propia universidade a que controlan, que é quen lles debe asignar o seu financiamento e o seu persoal. O presidente do Consello Social non pode realizar outras funcións que as de execución do gasto autorizado no orzamento e para todo o demais precisa unha delegación de facultades do reitor, sen a cal non pode asinar ningún tipo de acordos nin convenios. A pregunta xorde con toda evidencia: pode un órgano controlante exercer as súas funcións de supervisión e control cando depende na súa mesma esencia do órgano controlado? Hai que admitir que, neste marco de dependencia, os consellos sociais galegos recibimos un balón de osíxeno –e de dignidade– coa asignación directa no novo Plan de financiamento do SUG, dunha achega económica fixa anual, para cada consello e con cargo ao orzamento da Xunta de Galicia.

Fins e competencias. A estas alturas resulta manifestamente insuficiente centrar a colaboración da universidade coa sociedade que deben promover os consellos sociais na mellora do financiamento daquela, omitindo o gran reto que as universidades teñen nos momentos actuais de construción da sociedade do coñecemento e necesaria transformación do sistema económico-social para superar a crise, que pasa necesariamente por mellorar a súa denominada terceira misión, é dicir, a súa contribución ao desenvolvemento social e económico e, en consecuencia, a creación de emprego e riqueza, mediante a transferencia dos resultados do coñecemento e da investigación universitaria e a súa posta en valor polo tecido produtivo. Iso esixe unha actualización e reorientación das funcións dos consellos sociais cara ao apoio e mellora da terceira misión universitaria, ao que só apunta a actual lei galega cando lles encomenda a función de impulsar a colaboración entre as universidades e a sociedade mediante a satisfacción por estas das necesidades do seu contorno, contribuíndo eficazmente ao desenvolvemento social, profesional, económico, tecnolóxico e cultural.

Persoal. Non podemos pretender que exerza debidamente as súas funcións quen non conta cos medios humanos mínimos para iso e non basta con dicir que deberá telos. É o caso do Consello Social da UDC que a día de hoxe aínda non conta con persoal propio titulado superior fixo no seu cadro de persoal. É imprescindible, por tanto, que a nova lei estableza unha estrutura mínima de persoal, que garanta, polo menos, unha Secretaría dotada con persoal funcionario ou laboral fixo cualificado e o persoal administrativo necesario para que os consellos sociais poidan desempeñar axeitadamente a súa función. Ten que se prever ademais, como xa fan as leis de Asturias e Cantabria, que a Administración autonómica poida cubrir as necesidades de persoal do Consello.

Presidencia e composición. A nova normativa debe garantir que os membros non universitarios dos consellos sociais sexan efectivamente representantes de intereses sociais, económicos ou culturais, evitando nomeamentos só por afiliación ou afinidade política que comprometan a esencia da institución e a súa función de servizo á ensinanza pública superior que, por definición, debe responder a criterios de excelencia, mérito e capacidade en absoluto contaminados por partidismos políticos. Nesta liña, debería de se garantir a independencia do presidente a través da necesaria ratificación da súa proposta de nomeamento e cesamento por unha maioría parlamentaria cualificada. Ademais, a experiencia demostra que 27 membros resulta un número excesivo de vogais para o correcto funcionamento dos consellos e que se debería reforzar a súa obriga de asistencia e activa participación.

Artigo publicado na edición de marzo de 2012 da revista U+S

CompartirEmail this to someoneShare on FacebookTweet about this on TwitterShare on LinkedIn