O estado da reforma da universidade española

A Comisión de Expertos para a Reforma Universitaria, creada polo Ministerio de Educación, Cultura e Deporte, fixo público no mes de febreiro pasado o seu informe ‘Propuestas para la reforma y mejora de la calidad y eficiencia del sistema universitario español‘. A escasa repercusión que tivo este informe na sociedade española puxo de relevo, unha vez máis, o deficiente ecosistema da educación pública superior en España. A sociedade española segue vivindo allea ás súas universidades, ignorando que o desenvolvemento económico e social e, conseguintemente, a creación de emprego e riqueza, son unha consecuencia directa do talento formado das nosas persoas e que, nese proceso de educación, as universidades públicas son peza clave e insubstituíble. Parece que nin sequera unha crise económica e financeira como a que estamos a sufrir actualmente é capaz de facernos reflexionar e superar as limitacións do curto prazo –incluídas as político-electoralistas– e convencernos de que a saída pasa necesariamente polo investimento na educación superior a medio e longo prazo.

A raíz da publicación do informe creouse un grupo de traballo para o seu desenvolvemento e concreción, que conta con representantes da Conferencia de Reitores (CRUE), do Ministerio de Educación, Cultura e Deporte e da Conferencia de Presidentes de Consellos Sociais das Universidades Españolas. Unha educación excelente require un marco estable a medio e longo prazo e, por tanto, allea aos avatares de prazos curtos da política partidista. Este informe é a oportunidade para acometermos entre todos a construción, con vocación de permanencia, dunha universidade capaz de afrontar os retos do século XXI. É responsabilidade de todos que non se repita cunha futura lei de universidades a recente experiencia da LOMCE, envolvida nun debate político que compromete un obxectivo de interese xeral indubidable: a mellora necesaria da educación preuniversitaria.

Na necesidade de reformar a universidade española e, en concreto, o seu endogámico sistema de selección do persoal docente e investigador e o seu sistema de xestión e goberno, ben como de mellorar o seu financiamento, escaso e inestable, para potenciar o inmenso talento que atesoura e convertela en auténtico motor do desenvolvemento social e económico, coinciden todos os informes que se foron realizando nos últimos anos, de moi distinto rumbo político e moitos deles redactados con protagonismo das propias universidades; desde o elaborado no ano 2010 pola Fundación Alternativas e o Grupo Parlamentario Socialista no Congreso dos Deputados e dirixido polo reitor da Universidade Carlos III de Madrid, Daniel Peña, ‘Propuestas para la reforma de la universidad española‘, ata o ‘Documento sobre gobernanza universitaria‘, do Ministerio de Educación de 2011, pasando polo ‘Documento de mejora y seguimiento de las políticas de financiación de las universidades‘, aprobado no ano 2010 polo Consello de Universidades e a Conferencia Xeral de Política Universitaria ou o da Comisión de Expertos Internacionais ‘Universidades fuertes para la España del futuro (2011)‘, dirixido polo reitor da Universidade de Luxemburgo, o reitor Tarrach.

Por iso, se grave é a falta de sensibilidade social cara á importancia da educación en xeral e das universidades en particular, non o é menos que, dentro da propia universidade, se cuestione a necesidade ou, cando menos, a conveniencia dunha reforma que vai dirixida a dotala de maior autonomía, competitividade e eficiencia ou que se condicione a unha dotación de medios económicos porque, aínda que a suficiencia financeira é indubidablemente un factor importante para a excelencia, non serve de moito se se carece dun goberno adecuado e, desde logo, non pode ser utilizada como coartada para non abordar os cambios necesarios na xestión e goberno das universidades, como o demostra que non temos agora universidades de excelencia internacional, pero tampouco as tiñamos hai seis anos cando non existía a crise económica.

Sobre as medidas concretas de reforma propostas haberá tempo para falar, mais a novidade agora é un informe da Avogacía do Estado, do 5 de xuño pasado, que conclúe que as propostas do informe de expertos son plenamente constitucionais. É sabido que os dous únicos xuristas da Comisión de Expertos presentaron unha emenda particular, ao entenderen que dúas das propostas –a contratación permanente de persoal non funcionario polas universidades e o sistema de goberno a través dun Consello de Universidades, resultado da fusión dos actuais consellos de goberno e consellos sociais–, poderían vulnerar o principio de autonomía universitaria. No primeiro caso por unha suposta vinculación da liberdade de cátedra á condición de funcionario do docente e no segundo, pola posible inxerencia de entidades non universitarias na xestión da universidade. Porén, nin a Constitución prefigura a condición estatutaria funcionarial como garantía da liberdade de cátedra, nin a relación laboral a deixa sen protección, nin a presenza, ademais en todo caso minoritaria, de representantes da sociedade no órgano de dirección universitaria compromete a súa autonomía, que a Constitución configura non de xeito absoluto senón “nos termos que a lei estableza” (art. 27.10) e que, por tanto, pode regular o exercicio de potestades administrativas compatibles co contido esencial do dereito á autonomía universitaria.

Estamos ante o reto de conseguirmos entre todos unha universidade pública capaz de facerlles fronte aos retos do mundo global e competitivo do século XXI. A reforma da universidade chega tarde, é necesaria e sería unha auténtica irresponsabilidade social demorala aínda máis.

Artigo publicado na edición de febreiro de 2014 da revista U+S

Compartir esta entrada:
Email this to someone
email
Share on Facebook
Facebook
Tweet about this on Twitter
Twitter
Share on LinkedIn
Linkedin