O valor engadido do compromiso sustentable das universidades

Hai dez anos empezábase a falar en España da responsabilidade social corporativa ou empresarial, institución que hoxe en día adquiriu carta de natureza ata o punto de que é difícil atopar unha empresa de certo tamaño que non teña un compromiso de responsabilidade social.

Con todo, a responsabilidade social das administracións e institucións públicas tardou máis tempo en abrirse camiño ante a idea de que a súa ausencia de ánimo de lucro e a idea de servizo público implícita na súa actuación, parecían facer innecesario calquera compromiso social engadido. En efecto, o pasado mes de xuño tivo lugar en Nova York a conferencia mundial do Global Compact -iniciativa de Nacións Unidas para a responsabilidade social- e precisamente tratouse nela o papel da educación superior no desenvolvemento da responsabilidade social e a sustentabilidade. A conclusión a que se chegou é que, fronte á xeneralizada implantación da preocupación pola responsabilidade social no ámbito empresarial, as universidades están lonxe aínda de sentir ese compromiso.

A responsabilidade social universitaria implica a integración voluntaria por parte das universidades, e ante todos os seus grupos de interese, do seu compromiso de bo goberno, social e ambiental, nas tres misións de ensino, investigación e transferencia de resultados á sociedade. E ese compromiso, se quere ser verdadeira responsabilidade social, debe xestionarse co mesmo afán de calidade e excelencia que se aplica ás súas funcións básicas.

Aparece así unha idea de universidade como conxunto de principios e valores éticos, sociais e ambientais, que asume o reto de impartilos e defendelos entre todos os seus grupos de interese, poñendo en práctica políticas de procura da calidade e da excelencia; xestión eficiente e participativa; mérito e capacidade; igualdade de oportunidades e non discriminación inxusta; atención ás persoas con discapacidades e necesidades educativas especiais; equidade de xénero; transparencia e rendición de contas que permita a avaliación de resultados; conciliación da vida laboral e familiar; respecto ao medio ambiente e un longo etcétera na mesma liña, poñendo en marcha, ademais, os pertinentes instrumentos formais de responsabilidade social. Entre eles destacan a definición de obxectivos de responsabilidade social en plans estratéxicos, plans de cooperación e desenvolvemento, adhesión a iniciativas colectivas de compromiso e defensa da responsabilidade social, códigos éticos de conduta e formación transversal en responsabilidade social corporativa e universitaria.

Vivimos unha época de crise económica xeneralizada en que se lles pide ás universidades un esforzo especial para incrementar a súa achega ao desenvolvemento económico e social. A RSU, na medida en que reforza o seu bo goberno, a transparencia e rendición das súas contas, así como o seu compromiso social e ambiental, contribúe a aumentar a lexitimación social das universidades porque fortalece o seu obxectivo esencial de formación integral do estudante como ser humano comprometido cos principios e valores éticos e sociais. Ademais, xustifica o seu financiamento, porque non pode existir investimento máis rendible que o que persegue non só a difusión do coñecemento, da investigación e do desenvolvemento económico, senón ademais o compromiso do ser humano co seu contorno social, cultural e ambiental.

O Consello Social da UDC, consciente de que a sociedade reclama “o compromiso das universidades coa RSU e o desenvolvemento sustentable, a súa aplicación transversal en todas as súas misións e capacidades no conxunto da comunidade que a conforma e na súa relación co seu contorno”, en termos do documento Estratexia universidade 2015 do Ministerio de Educación, incluíu no seu primeiro plan operativo anual aprobado o 30 de marzo de 2009 o apoio ao posicionamento en responsabilidade social da UDC. Un convenio posterior asinado entre a UDC e INDITEX SA vénlle permitindo financiar o desenvolvemento de tres liñas de actuación para o fomento da responsabilidade social na nosa universidade: a coordinación dun grupo de traballo cos principais responsables da UDC con competencias vinculadas coa responsabilidade social, así como coa FUAC, para a elaboración posterior da primeira memoria de responsabilidade social da UDC; o lanzamento dunha colección de libros sobre RSU, iniciada co titulado “A Responsabilidade Social Universitaria”, publicado recentemente en colaboración coa editorial Netbiblo -que nos gustaría enriquecer con achegas de expertos da propia UDC- e o ensino transversal dunha materia sobre responsabilidade social empresarial e universitaria.

Artigo publicado na edición de novembro de 2010 da revista U+S

Compartir esta entrada:
Email this to someone
email
Share on Facebook
Facebook
Tweet about this on Twitter
Twitter
Share on LinkedIn
Linkedin