O valor social e económico do coñecemento

En xaneiro deste ano 2010, a Comisión Mixta de Financiamento Universitario do Ministerio de Educación elaborou e someteu a discusión dos axentes que compoñen o sistema universitario español, un “documento de reflexión sobre a mellora das políticas de financiamento das universidades para promover a excelencia académica e incrementar o impacto socioeconómico do sistema universitario español”. O documento incide na necesidade de que as universidades españolas se impliquen no cambio económico baseado no coñecemento e a mellora da innovación, e faise eco do compromiso por parte do Goberno de España de impulsar a estratexia Universidade 2015 para, entre outros obxectivos, “incrementar o valor social e económico do coñecemento que se xera na universidade e lograr un maior compromiso desta cos retos sociais, culturais e medioambientais da nosa sociedade”. En concreto, asume o obxectivo de que as universidades españolas se convertan en pezas clave do cambio do modelo de crecemento que as novas tecnoloxías e desafíos da competitividade reclaman, con especial intensidade, no noso país. Iso significa, segue dicindo, recoñecer ás universidades unha contribución social e económica moito máis relevante que a desempeñada até agora, ao atribuírlles un papel destacado no crecemento económico baseado nas melloras da produtividade que podan derivarse dun cambio na especialización da economía, impulsado polo desenvolvemento científico e tecnolóxico e pola innovación.

O documento bebe nas fontes do compromiso da Unión Europea de basear a competitividade da súa economía, na nova sociedade do coñecemento, nunha educación e formación que funcionen como motores da cultura humanística, científica e tecnolóxica, acelerando o crecemento económico, a innovación, a investigación, a competitividade, o emprego duradeiro, e a integración social, pero tamén se fai eco da débil experiencia das universidades españolas para actuar como motores dun cambio desta natureza, debido, entre outras cosas, a unha falla de tradición na implicación e colaboración co tecido produtivo e á escasa cultura para realizar investigación baixo demanda.

Chama a atención, de xeito positivo, a insistencia do documento en reclamar un maior protagonismo das nosas universidades como motores do cambio económico, pechando un círculo virtuoso que cada vez é máis urxente e evidente na España actual: necesitamos universidades ben financiadas e excelentes (non pode haber excelencia sen suficiencia económica) para que as tres misións da Universidade -docencia, investigación e difusión e transferencia de resultados para a súa posta en valor polo tecido produtivo- xeren creación de riqueza e desenvolvemento social e económico, de xeito que o sistema universitario apoie de verdade as necesidades sociais e económicas do país.

Centrándonos agora no coñecemento, para que o ensino universitario cree verdadeiro valor social e económico, ademais de ser excelente, ten que fomentar a innovación e adaptar as súas titulacións, contidos e planos de estudo para que, non só os coñecementos, senón tamén as competencias e aptitudes profesionais que adquiran os seus estudantes, estean en liña coas necesidades reais da sociedade e das súas empresas, neste reto que agora se nos plantexa de construír un novo modelo produtivo impulsado polo desenvolvemento científico e tecnolóxico e pola innovación. É o que, con outras palabras, recoñece o documento ao dicir que “as universidades deben mellorar e colaborar na formación de novos dirixentes, tecnólogos e emprendedores e axudar e potenciar a creación de empresas de base tecnolóxica, potenciando o espírito emprendedor dos seus titulados e profesionais, sen a presenza dos cales a aparición deste novo tipo de empresas é completamente imposible”.

Recentemente publicouse na nosa universidade o ‘Libro sobre Competencias Profesionais dos Universitarios’, importante e meritorio traballo de investigación –coa inestimable axuda de 907 empresas e 1.052 titulados– do Observatorio Ocupacional, servizo da UDC encargado da investigación sobre as condicións de empregabilidade dos titulados universitarios, dirixido pola profesora Mª Jesús Freire, e editado polo Consello Social. A iniciativa enmárcase na política de interrelación universidade-sociedade e a súa conclusión é que a universidade non só debe impartir coñecementos aos seus estudantes, senón que ademais ten a obriga de formalos, precisamente, naqueles valores, aptitudes, habilidades e competencias que as empresas reclaman e, a partir de aquí, delimitar as competencias profesionais que, na medida en que son requiridas polas empresas, xa sexan xenéricas ou transversais, en canto aplicables a calquera saída profesional, xa sexan específicas ou propias de titulacións concretas, son precisamente as que o titulado universitario necesita adquirir, desenvolver ou mellorar, para que a universidade sexa o provedor dos recursos humanos que necesita o sistema económico e se favoreza a inserción laboral dos nosos egresados, en definitiva, para que o coñecemento excelente cree de xeito eficiente valor social e económico.

E neste tema queda un longo camiño que percorrer, porque como pon de releve o estudo de competencias para a nosa UDC, as competencias aplicadas polos graduados nas empresas e as requiridas por estas sempre exceden ás adquiridas na universidade, coa excepción dos coñecementos básicos da profesión. Diferenciais en competencias como a toma de decisións, a capacidade de aplicar os coñecementos á práctica ou á responsabilidade no traballo, amosan que a formación adquirida na universidade e as necesidades das empresas non coinciden. A lóxica que subxace é o esforzo que debe levar a cabo a universidade para capacitar mellor aos titulados cara o mercado laboral.

Artigo publicado na edición de marzo de 2010 da revista U+S

Compartir esta entrada:
Email this to someone
email
Share on Facebook
Facebook
Tweet about this on Twitter
Twitter
Share on LinkedIn
Linkedin