O programa de Axudas para estadías de predoutoramento Inditex-UDC, que desde 2013 permitiu, nas súas primeiras catro edicións, que 104 estudantes amplíen os seus estudos de terceiro ciclo en centros de investigación no estranxeiro. Ata o momento, 37 dos mesmos defenderon a súa tese e o 100% tiveron éxito na obtención do título de doutor con mención internacional, o que outorga un valor engadido.
Estos resultados definitivos figuran na Memoria de Resultados 2013-2016 que acaba de publicar a Universidade da Coruña. A mesma recolle que o 58% dos bolseiros foron mulleres e o 42% restante, homes. No referente ao destino das estadías, o 72% realizáronse en universidades de Europa; o 22% nas de América; o 4% nas de Oceanía e o 2% restante en institucións de Asia. Ademais, 13 dos beneficiarios estiveron en universidades destacadas no Top 10 por continentes do QS World University Rankings.
O convenio asinado en 2013 entre a Universidade da Coruña e Inditex segue vixente e, no pasado mes de abril, foi publicada a resolución definitiva de axudas para a realización de estadías correspondentes a 2018.
Estas Axudas para estadías de predoutoramento Inditex-UDC estiveron dirixidas principalmente a estudantes de doutoramento integrados en grupos de investigación, destinando o 80% da súa contía aos solicitantes con vinculación coa UDC a través dun contrato ou dunha bolsa, mentres que o 20% restante adxudícase a estudantes sen vinculación contractual coa UDC. Entre 2013 e 2016, executáronse axudas por valor total de 363.000 euros cunha media de 3.460 euros por alumno e ano. Estas bolsas complementan e son compatibles con outras fontes de financiamento para estadías no estranxeiro dispoñibles para os estudantes da Escola Internacional de Doutoramento da UDC.
O programa de axudas conta cunha comisión de seguimento formada polo presidente do Consello Social da UDC e o seu director técnico, como representantes de Inditex; e polo director da Escola Internacional de Doutoramento da UDC e o seu secretario, como representantes da Universidade da Coruña.