A cuarta edición de AddVenture da comenzo cunha xornada presencial de traballo colaborativo en Santiago

A cuarta edición de AddVenture da comenzo cunha xornada presencial de traballo colaborativo en Santiago

  • O programa universitario de emprendemento e innovación promovido polos Consellos Sociais da UDC e da USC celebra unha sesión intensiva orientada a activar, afondar na proposta de valor e favorecer o avance das iniciativas participantes.

AddVenture, o programa universitario de emprendemento e innovación impulsado polos Consellos Sociais da Universidade da Coruña (UDC) e da Universidade de Santiago de Compostela (USC), iniciou a súa cuarta edición cunha xornada presencial deseñada para activar desde o primeiro momento o traballo dos proxectos participantes.

O evento tivo lugar na Sala de Debates do Centro de Estudos Avanzados (CEA) da Universidade de Santiago de Compostela, situado no Parque de Vista Alegre. Comezou cun acto de benvida a cargo da secretaria do Consello Social da USC, Marta Villamayor Álvarez; o secretario do Consello Social da UDC, Jesús Spósito Prado, e a responsable do proxecto en TeamLabs, María Piferrer.

Unha edición aliñada cos ámbitos estratéxicos definidos

Esta sesión, de carácter intensivo e práctico, constitúe un dos primeiros fitos do programa e está orientada a favorecer o coñecemento entre as persoas participantes, estimular o traballo colaborativo e axudar a situar cada iniciativa no punto de partida co que afronta os vindeiros meses. Comezaron a traballar a proposta de valor e afondaron en fórmulas innovadoras para identificar necesidades, oportunidades e posibles vías de desenvolvemento no mercado. Ao longo da xornada, o alumnado participou en dinámicas de equipo e sesións de traballo acompañadas por profesionais especializados en emprendemento e innovación.

Nesta edición, o equipo docente seleccionou 19 propostas de negocio. Todas elas se enmarcan nos ámbitos estratéxicos prioritarios de AddVenture 2026. Nesa liña, os proxectos participantes abranguen desde solucións tecnolóxicas e dixitais apoiadas na intelixencia artificial, a automatización de procesos ou os servizos especializados, ata iniciativas relacionadas co turismo sostible, a cultura, a gastronomía, a saúde e o benestar, a economía circular e a valorización do coñecemento científico. No seu conxunto, configuran unha edición diversa, con perfís moi distintos e iniciativas que comparte unha clara orientación de avanzar, contrastar o seu potencial e gañar solidez.

Os proxectos seleccionados atópanse, ademais, en diferentes momentos de madurez: algúns parten dunha fase inicial de definición, mentres que outros chegan cunha base xa traballada e coa intención de afinar o seu enfoque, revisar o seu plantexamento e dar novos pasos no seu percorrido.

Durante os vindeiros tres meses, as persoas participantes afondarán en cuestións clave para o desenvolvemento das súas iniciativas, como a proposta de valor, o modelo de negocio, a validación, a comunicación, o prototipado ou a presentación final diante de expertos en finanzas, investimento, marketing e negocio. Un itinerario que combina sesións en liña con encontros presenciais puntuais.

AddVenture, un programa para transformar ideas en proxectos sólidos

AddVenture é un programa de emprendemento e innovación promovido e financiado polos Consellos Sociais da UDC e a USC, en colaboración con TeamLabs, o laboratorio de aprendizaxe de Mondragon Unibertsitatea. O curso aplica a metodoloxía LEINN – Liderazgo Emprendedor e Innovación- e está dirixido a persoas tituladas, egresadas, posgraduadas e profesionais que desexan dar forma a un proxecto de emprendemento propio con acompañamento experto e enfoque práctico.

Desde a súa posta en marcha, o programa foi consolidándose como unha iniciativa de referencia no ámbito do emprendemento universitario en Galicia. Nas súas edicións anteriores, AddVenture capacitou a máis de 75 persoas emprendedoras e impulsou máis de 30 proxectos, reforzando o seu papel como espazo de encontro entre talento, innovación e capacidade de transformación desde a universidade cara á sociedade.

Comparte este artículo

Arquivos