O salón de graos da Facultade de Economía e Empresa da Universidade da Coruña acolleu onte a segunda sesión do Ciclo de Conferencias En Código Abierto 2018/2019, que organiza a Cátedra Inditex-UDC de Sustentabilidade. Baixo o título “Vencer as barreiras: unha aposta pola empregabilidade das persoas con discapacidade intelectual”, o profesor titular e director da Cátedra de Discapacidade e Empregabilidade TEMPE-APSA da Universidade Miguel Hernández de Elche, Antonio Martínez-Pujalte López, impartiu unha conferencia na que abordou o modelo de mellora da inserción laboral das persoas con discapacidade.
Durante a sesión, que foi presidida polo presidente do Consello Social, Antonio Abril Abadín, Martínez-Pujalte compartiu cos presentes a traxectoria de implantación da cátedra que dirixe, centrada fundamentalmente na investigación e na formación e coa vista posta en convertir a universidade “nun entorno inclusivo”.
Máis aló do necesario cumprimento da ley (as empresas de máis de 50 traballadores deben reservar un 2% dos postos) ou dos incentivos fiscais, Martínez-Pujalte detacou a importancia da contratación de persoas con discapacidade facendo fincapé na súa valía profesional: “porque demostran unha motivación e unha resiliencia que lles leva a desempeñar con particular empeño o seu traballo”, subliñou.
O acto contou ademais coa participación do novo decano da Facultade de Economía e Empresa da UDC, Manuel Gómez Suárez, e da directora da Cátedra Inditex-UDC de Sustentabilidade, Marta Rey García.