A ESG como panca de competitividade abre o ciclo En Código Abierto 2023/2024

A ESG como panca de competitividade abre o ciclo En Código Abierto 2023/2024

A socia líder de Sustainabilty & Climate de Deloitte España, Concha Iglesias, inaugura a primeira sesión do ciclo de conferencias En Código Aberto 2023/2024, que organiza a Cátedra Inditex-UDC de Sostibilidade. Baixo o título “ESG: panca estratéxica de competitividade”, Iglesias afondará na importancia dos criterios ESG (Enviromental, Social and Governance) como factores que converten unha compañía en sostible a través do seu compromiso social, ambiental e de bo goberno, sen descoidar os aspectos financeiros.

A charla terá lugar o próximo 7 de marzo ás 19:30 horas no Paraninfo da Reitoría da Universidade da Coruña. Ao final da conferencia, para facilitar o contacto entre as persoas asistentes, terá lugar un breve encontro de networking no vestíbulo do Paraninfo.

O Ciclo de Conferencias En Código Abierto está promovido pola Cátedra Inditex-UDC de Sostibilidade. A relación da Universidade da Coruña con Inditex propiciou hai máis dunha década a creación da cátedra, froito do acordo de colaboración asinado por ambas as entidades para o fomento da responsabilidade social universitaria en 2010. A coordinación desta iniciativa está a cargo do Consello Social da UDC, en calidade de órgano de participación da sociedade na universidade.

Experta no campo da sostibilidade

Concha Iglesias lidera a práctica de ‘Sustainability & Climate’, onde dirixe a un equipo de máis de 400 profesionais especializados en áreas clave como o cambio climático e as finanzas sostibles. A súa misión é axudar a organizacións tanto nacionais como internacionais a definir as súas ambicións e folla de ruta en sostibilidade. Ademais, lidera a definición e implantación da estratexia do Plan de Sostibilidade WorldClimate de Deloitte España, no que se determinan os obxectivos ambientais, as iniciativas de sostibilidade e o seguimento dos gases de efecto invernadoiro, así como os obxectivos de redución da pegada de carbono e a elaboración de informes externos de sostibilidade.

Tamén colabora estreitamente con diversos equipos para involucrar a todos os profesionais da firma na loita contra o cambio climático. Así mesmo, é membro do comité directivo global do Sustainability & Climate, así como do RegulationHub de EMEA de Deloitte, e forma parte do “Comité de expertos” de Fundación Seres, composto por líderes empresariais no campo da sostibilidade en España.

Acceso á conferencia

A conferencia é de acceso libre, pero é necesario formalizar a inscrición previa nesta ligazón, na que tamén se pode solicitar un certificado de asistencia. No caso de non poder asistir á charla de maneira presencial, nesta mesma ligazón hai acceso á retransmisión en directo vía streaming.

Comparte este artículo

Arquivos