O impacto social sobre a soidade non desexada foi o eixo sobre o que se centrou Daniel Fernández Gómez, vicecoordinador xeral na Cruz Vermella Española, no seu relatorio ‘Soidade non desexada: impacto social e solucións’, que corresponde coa terceira sesión, e última, do ciclo de conferencias En Código Aberto 2023/2024, organizado pola Cátedra Inditex-UDC de Sustentabilidade e cuxa coordinación está a cargo do Consello Social da UDC, en calidade de órgano de participación da sociedade na universidade.
Daniel Fernández, que desde 2019 coordina un equipo de traballo encargado de xestionar a plataforma IMAP (Integral do Marco de Atención ás Persoas), aplicación tecnolóxica na que se xestiona toda a intervención que desenvolve Cruz Vermella Española coas persoas usuarias desde os diferentes proxectos e servizos, así como do voluntariado da Organización.
O acto tivo lugar este mércores 29 de maio no Reitorado da UDC, onde Daniel Fernández comezou a súa charla abordando a problemática da soidade non desexada na sociedade española. Explicou que “en Cruz Vermella sabemos que a soidade non desexada é ‘unha soidade que doe’ e con impactos a nivel físico, psicolóxico e social; e tamén con impactos na sociedade, porque estamos a ver que a experiencia da soidade non desexada conleva enormes custos sociais e económicos que deben ser tidos en conta á hora de deseñar políticas públicas desde todos os ámbitos”.
O vicecoordinador xeral de Cruz Vermella Española asegurou que “con todo, a boa noticia é que a soidade non desexada ten solución e todas as persoas podemos facer algo na nosa contorna e necesitamos que a sociedade e a contorna sexan sensibles a esta realidade e promovan a creación de espazos e redes comunitarias que xeren comunidades cada vez máis inclusivas e resilientes e, para iso, é imprescindible a colaboración de toda a cidadanía, así como das empresas, as administracións e todo o tecido social”.
Ademais, durante a súa intervención, Fernández explicou como “desde Cruz Vermella Española mantemos un compromiso humanitario desde hai décadas na loita contra a soidade non desexada e desenvolvemos respostas a través da acción do voluntariado, que é unha fonte fundamental de apoio, escoita e acompañamento”.
Na conferencia participaron o reitor da UDC, Ricardo Cao; o presidente do Consello Social da UDC, Antonio Abril Abadín; a directora da Cátedra Inditex-UDC, Marta Rey García; e o responsable de Investimento na Comunidade de Inditex, Carlos Piñeiro.
O reitor da UDC, Ricardo Cao, destacou o compromiso da UDC con esta problemática a través de diversas iniciativas e programas, como a Universidade Senior, ou o traballo da Oficina de Cooperación e Voluntariado da UDC a través de programas como ‘Acompañarte’”.
O presidente do Consello Social da UDC, Antonio Abril Abadín, destacou o compromiso sólido da Cátedra Inditex-UDC de Sustentabilidade coa colaboración Universidade-Empresa, a formación e a divulgación a través do Curso de Especialización en Sustentabilidade e Innovación Social e do seu ciclo de conferencias En Código Aberto, que lograron congregar a 22 alumnos e a máis de 500 asistentes presenciais e en liña ás conferencias ao longo deste último ano. Así mesmo, agradeceu a colaboración de Cruz Vermella Española nesta clausura do CESIS a través da conferencia impartida por Daniel Fernández. “Iniciativas como estas demostran a vocación da Cátedra de chegar á sociedade en xeral e dinamizar o debate construtivo e plural ao redor de cuestións de máxima actualidade”, indicou Abril Abadín.
Pola súa banda, Marta Rey, directora da Cátedra Inditex-UDC de Sustentabilidade, lembrou que desde o seu nacemento esta cátedra universitaria exponse como unha ferramenta de investimento na comunidade, promovendo proxectos de aprendizaxe-servizo que axuden a dar solucións sostibles a retos complexos que fan necesario unha abordaxe sistémico e a xeración de sólidas alianzas entre múltiples actores.