A UDC destaca na súa Memoria de Responsabilidade Social o seu labor en xestión de riscos para a seguridade

A UDC destaca na súa Memoria de Responsabilidade Social o seu labor en xestión de riscos para a seguridade

O reitor da Universidade da Coruña (UDC), Julio Abalde Alonso, e o presidente do Consello Social, Antonio Abril Abadín, presentaron o xoves 24 de novembro a Memoria de Responsabilidade Social da institución académica coruñesa.

Este documento recolle a achega da Universidade á súa contorna no curso 2020/2021 e visibiliza, especialmente, a súa actividade investigadora e de transferencia no marco da xestión de riscos para a seguridade cidadá, como as emerxencias e catástrofes, a vulnerabilidade enerxética, a seguridade das infraestruturas críticas e o cambio climático.

O reitor da UDC, Julio Abalde Alonso, destacou durante a súa presentación a orientación da institución “para facer fronte e responder a emerxencias e catástrofes durante o curso 2020-2021 con motivo da pandemia, pero tamén para ser referencia como axentes activos en saúde e seguridade. A sociedade está a afrontar riscos en ciberseguridade, en incendios forestais e en sanidade. E a universidade está a responder con formación, investigación e transferencia de coñecemento. E esta Memoria recolle esa vocación”.

Na mesma liña, o presidente do Consello Social da UDC indicou que os proxectos, actividades investigadoras e demais iniciativas vinculadas á xestión de riscos para a seguridade cidadá tiveron un grande impacto, “involucrándose máis de 250 investigadores, 60 institucións e 30 empresas privadas que colaboraron, máis de 300 alumnos e alumnas, e 10 millóns de euros en orzamentos xestionados”.

Ambos sinalaron o valor engadido da Memoria de RSU, xa que foi desenvolvida nun contexto de colaboración público-privada grazas ao Acordo de Colaboración para o Fomento da Responsabilidade Social asinado entre Inditex e a UDC hai máis dunha década. Julio Abalde trasladou o seu agradecemento ao Consello Social da UDC e destacou o seu “papel fundamental de visibilizar e transmitir á Universidade o que a sociedade pide de nós”.

Durante o evento, tamén interveu José Alberto Díez de Castro, secretario xeral de Universidades, sinalando que “podemos presumir de ter tres moi boas universidades en Galicia, apoiadas polos seus consellos sociais. Así poden xerar o impacto que necesita a sociedade”. 

Incendios forestais e cambio climático

Durante a xornada de presentación, tivo lugar unha mesa redonda para tratar algúns dos maiores desafíos en materia de seguridade cidadá en Galicia: os incendios forestais e o cambio climático.

A mesa contou coa participación de expertos en diversas áreas: Manuel Rodríguez Vázquez, director xeral de Defensa do Monte da Xunta de Galicia; Juan Sánchez Ruiz, director do Centro Operativo Rexional INFOCA de Andalucía; Ricardo García Mira, catedrático de Psicoloxía Social na UDC; Oliva García Trasancos, secretaria da Asociación Nacional de Agrupacións e Asociacións de Voluntarios de Protección Civil de España; Daniel Lorenzo Mirón, coordinador da Cátedra de Protección Civil e Xestión de Emerxencias da UDC; e Marcos Araújo Pereira, xerente da Axencia Galega de Emerxencias AXEGA 112.

O director xeral de Defensa do Monte destacou durante a súa intervención que “o cambio climático é un acelerador dos incendios forestais, pero a causa é o abandono do mundo rural”. Pola súa banda, Ricardo García Mira, catedrático de Psicoloxía Social da UDC, tratou a charla desde unha perspectiva social: “Podemos ensinar a xestionar un incendio ás comunidades e á sociedade, pero é necesario comprendelo”.

O xerente de AXEGA 112 explicou, ademais, que “o sistema de protección civil está a se adaptar ao cambio social do territorio desde hai décadas. Pero a sociedade está preparada para estes riscos? Os incendios non son só un problema dos servizos e sistemas de emerxencias, senón de toda a poboación”. Nesta mesma liña, Oliva García, secretaria da ANAV de Protección Civil de España, aclarou que “para optimizar a prevención debemos empezar desde a educación” e recalcou que “a sociedade debe coñecer que pode e que non pode facer no monte”.

Neste sentido, debemos ter en conta que “as novas emerxencias desafían as capacidades actuais, polo que hai que interpretar a protección civil dunha maneira multidisciplinar, non só como a actuación en emerxencias”, engadiu Daniel Lorenzo, da Cátedra de Protección Civil e Xestión de Emerxencias da Universidade da Coruña.

Cátedra de Protección Civil e Xestión de Emerxencias

O vicerreitor de Política Científica, Investigación e Transferencia, Salvador Naya, e o director da Cátedra, Moisés García, presentaron a Cátedra de Protección Civil e Xestión de Emerxencias. “Foi creada en 2019, antes da pandemia, pero viuse que nestes últimos anos fixo un traballo exemplar en colaboración coa Mancomunidade da comarca de Ferrol”, indicou Salvador Naya.

O director explicou durante a súa intervención que “esta Cátedra nace para ser un espazo destinado á investigación sobre protección civil e xestión de emerxencias, dar apoio a entidades ao redor das cuestións técnicas relacionadas coas emerxencias e promocionar estudos superiores dirixidos ao persoal técnico de protección civil”.

Comparte este artículo

Arquivos