As contas anuais da Universidade da Coruña (UDC) e as dos seus entes dependentes presentáronse ante o Consello Social da UDC na sesión da Comisión de Asuntos Económicos, celebrada o 18 de xullo de 2023, e na sesión ordinaria do Pleno, celebrado o 20 de xullo de 2023, na Sala de Plenos do Centro Universitario de Riazor.
A UDC somete á consideración do Consello Social as contas dos seus entes dependentes seguindo as recomendacións do Consello Contas de Galicia que, no seu informe publicado en outubro de 2021, manifestou que as contas dos devanditos entes da universidade deben achegarse ás contas da UDC e renderse perante o Consello Social e o Consello de Contas.
En ambas reunións, o xerente da Universidade, Ramón del Valle López, presentou as contas da institución académica correspondentes ao exercicio 2022 e tamén se analizou o correspondente informe de auditoría que foi presentado polo socio-auditor de KPMG Auditores, José Antonio Gómez Domínguez.
Ademais, o director-xerente da Fundación da Universidade da Coruña (FUAC), Juan José Gómez Romero, presentou as contas da FUAC co seu correspondente informe de auditoría.
O Consello Social tamén foi informado sobre as contas da Fundación CITIC (FCITICG) polo vicerreitor de Política Científica, Investigación e Transferencia, Salvador Naya Fernández.