A Cátedra Inditex-UDC de Sostibilidade abriu o prazo de preinscrición para o Curso de Experto en Sustentabilidade e Innovación Social (CESIS), que se impartirá entre os meses de xaneiro e maio de 2024 na Facultade de Economía e Empresa da Universidade da Coruña (UDC). As persoas interesadas en acceder a este título propio de posgrao poderán presentar a súa solicitude entre o 5 de outubro e o 10 de novembro de 2023.
Esta 13.ª edición do CESIS incorporará contidos dirixidos a estudantes, graduados e profesionais con interese en profundar e desenvolver a súa carreira profesional en ámbitos vinculados á sostibilidade e a innovación social, contando coa experiencia de máis dunha trintena de especialistas de recoñecido prestixio nacional e internacional vinculados a empresas, institucións académicas, entidades non lucrativas e administracións públicas.
O programa académico, de carácter eminentemente práctico e que se desenvolverá ao longo de 625 horas lectivas correspondentes a 25 ECTS, aborda diferentes temáticas, como a gobernanza das sociedades e as organizacións, a sostibilidade social, ambiental e económica e a avaliación de impacto, entre outras. Ademais, o alumnado participará en proxectos de aprendizaxe-servizo en colaboración con empresas e entidades da contorna máis próxima, para dar resposta a retos relacionados coa sostibilidade e a innovación social.