AddVenture clausura a súa segunda edición cunha exitosa promoción de emprendedores

AddVenture clausura a súa segunda edición cunha exitosa promoción de emprendedores

AddVenture clausurou a súa segunda edición cunha exitosa exposición de proxectos e unha inspiradora clase maxistral a cargo de Ramón Castro Neira, cofundador e director de produto de Trucksters, a startup que está a transformar o sector do transporte por estrada.

Os 13 alumnos e alumnas viviron unha intensa xornada de networking, desenvolta no hotel Attica21 Coruña, na que mostraron o aprendido en AddVenture ao longo destes case tres meses a un comité de seis expertos, profesionais vinculados a distintos sectores do mundo da empresa.

A xornada facilitou tamén espazo para compartir experiencias e xerar lazos de valor para o seu futuro profesional entre eles, os expertos e asistentes de diferentes áreas e co alumnado de anteriores edicións.

O presidente do Consello Social da UDC, Antonio Abril Abadín, puxo en valor no seu discurso de apertura o traballo intenso da institución que preside “por unha universidade comprometida coa xeración de emprego e riqueza, que pase por ser quen de formar e apoiar aos nosos emprendedores”. Sinalou que AddVenture é froito do forte compromiso do Consello Social da UDC “co fomento da formación universitaria en emprendemento”, para engadir que “os nosos 30 alumnos e alumnas destas dúas edicións e as súas case unha trintena de proxectos son un claro exemplo de iso”.

 

Comité de valoración con profesionais expertos

O comité de valoración, que estivo presidido por Antonio Abril Abadín, estivo composto por Inmaculada Rodríguez Cuervo, directora xeral de Unirisco Galicia SCR e membro do pleno do Consello Social da UDC; Daniel Ramos Lobón, director xeral executivo de Corunet SLU by Sngular e ex presidente da Federación Galega de Novos Empresarios – AJE Galicia; Luís García Giralt, team coach e team captain en Teamlabs e profesor da Universidade de Mondragón en “Entrepreneurship for researchers”; Manolo Rodríguez, responsable de Economía en La Opinión da Coruña, xornalista con 25 anos de experiencia e experto en márketing dixital e comunicación; e David Pardo, director xeral Executivo en Corunet by Sngular.

Os expertos asistiron á presentación de 12 proxectos enmarcados en sectores como turismo, restauración, sustentabilidade e certificación, arquitectura, consultaría existencial, cultura e patrimonio con proxectos relacionados con apps, plataformas de servizos de coworking, de ecommerce de plantas e para comercios locais, servizos técnicos e informáticos, mellora da vida das persoas con discapacidade visual e podcast orientado ao ámbito dos materiais.

O comité valorou de maneira moi positiva as propostas e achegaron a súa visión e os seus consellos ao alumnado nesta última sesión grupal. Esta sesión ten como obxectivo que os emprendedores poidan afianzar coñecementos e competencias á vista das propias propostas de innovación que expoñerá cada un e das recomendacións externas que recibirán.

 

Clase maxistral inspiradora de Ramón Castro Neira, cofundador de Trucksters

O broche de ouro á xornada chegou da man de Ramón Castro Neira, cofundador e director de produto de Trucksters, un dos emprendedores con maior talento do territorio nacional. Castro Neira ofreceu unha clase maxistral baixo o título ‘Emprendementos que inspiran: A idea que revolucionou o sector do transporte por estrada’.

A súa intervención, que comezou cunha breve descrición do modelo de negocio diferencial de Trucksters, as súas características e a súa traxectoria, estivo centrada na súa experiencia no mundo do emprendemento achegando consellos e claves para impulsar as ideas e os proxectos empresariais en cada unha das fases.

Este empresario galego, nacido en Pontevedra e con pouco máis de 30 anos, recibiu numerosas preguntas por parte as persoas que asistiron en presencial e en liña á súa master class.

A xornada de clausura de AddVenture pechouse coas intervencións do presidente do Consello Social da UDC, Antonio Abril Abadín; o secretario do Consello Social da UDC, Jesús Spósito Prado; e a directora de corporate de Teamlabs, Irati Lekue. Abril Abadín entregou, ademais, os diplomas aos 13 alumnos e alumnas que forman parte desta exitosa nova promoción de emprendedores de AddVenture.

 

Que é AddVenture?

AddVenture é un programa universitario de formación para emprendedores que pretende fomentar a creación ou transformación dixital de microempresas, facilitando aprendizaxes útiles para o deseño de modelos de negocio innovadores que se apoien o uso intensivo da TIC. Está impulsado polo Consello Social da Universidade da Coruña, impartido por docentes de Sngular Teamlabs e no que participan un variado perfil de mentores que contribúen á mellora dos proxectos en diferentes áreas.

Ao longo do programa abordan de maneira intensiva e práctica en 265 horas todos os aspectos que implica a posta en marcha dun negocio, desde a propia idea e a estratexia de produto, ata a posible procura de financiamento para poñer en marcha ou potenciar un proxecto empresarial.

Comparte este artículo

Arquivos