AddVenture, programa universitario de formación en emprendemento promovido polo Consello Social da Universidade da Coruña e no que contou coa colaboración da joint venture Sngular Teamlabs, dixo adeus á súa primeira edición cunha intensa xornada de networking presencial co obxectivo de compartir experiencias e xerar lazos de valor para o seu futuro profesional.
O alumnado de AddVenture puxo en práctica todo o aprendido ao longo destes dous meses de curso ante un comité de expertos profesionais vinculados a distintos sectores do mundo da empresa. O presidente do Clúster TIC e CEO de Cinfo, Antonio Rodríguez do Corral; Manolo Rodríguez, xornalista e experto en márketing dixital e RRSS; Gonzalo González, experto en finanzas e financiamento e CEO de Finanzia Fintech, formaron parte do panel de expertos acompañando ao presidente do Consello Social da UDC, Antonio Abril Abadín, e á directora de Teamlabs Corporate, Irati Lekue.
O presidente do Consello Social abriu a xornada agradecendo a implicación do alumnado no desenvolvemento de AddVenture e a presenza do equipo de expertos dispostos a transmitir a súa experiencia e opinión para o bo desenvolvemento dos proxectos. Lembrou que, coa posta en marcha de AddVenture, “desde o Consello Social da UDC profundamos no noso labor de exercer de ponte entre a sociedade e a universidade, contribuíndo a mitigar os efectos socioeconómicos da pandemia”. Insistiu en que a economía española debe virar o seu modelo cara á xeración de produtos e servizos competitivos a través do emprendemento baseado na investigación e a innovación no que deben destacar as universidades.
A primeira promoción de emprendedores de AddVenture está chamada ao éxito empresarial á vista das presentacións realizadas tanto presencialmente como en streaming desde Bilbao, Berna (Suíza) e Santo Domingo (República Dominicana). Os 17 alumnos participantes abordaron 12 proxectos emprendedores con distintos modelos e enmarcados en moi diferentes sectores: intelixencia artificial, drons, redes sociais, plataformas universitarias, arranxos florais, plataformas de pago, próteses sanitarias, plataformas de música, formación en liña dirixida a persoas do rural, coaching.
O comité de expertos invitado achegou a súa visión e os seus consellos aos alumnos nesta última sesión grupal co obxectivo de afianzar os seus coñecementos e competencias e enfocar o futuro do seu proxecto empresarial.
AddVenture é un programa universitario de formación para emprendedores, pioneiro na contorna da institución académica coruñesa, que pretende fomentar a creación ou transformación dixital de microempresas, facilitando aprendizaxes útiles para o deseño de modelos de negocio innovadores que se apoien o uso intensivo da TIC.
Ao longo do programa abordaron tódolos aspectos que implica a posta en marcha dun negocio, desde a propia idea e a estratexia de produto, ata a posible procura de financiamento ou potenciar un proxecto empresarial.
Os participantes viven unha experiencia formativa colaborativa intensiva composta por asesorías personalizadas dedicadas ao desenvolvemento dos proxectos, útiles para lograr impulsar un proxecto empresarial. Para a consecución deste obxectivo, o programa conta coa participación de expertos en innovación, emprendemento, e-commerce e transformación dixital, e aplica unha metodoloxía baseada, fundamentalmente, en sesións de traballo en equipo, que permitirán aos participantes adestrar competencias clave para liderar e emprender con enfoque corporativo e en contornas de incerteza.
AddVenture contou con actividades paralelas e destacadas relacionadas co emprendemento, a dixitalización e a innovación. É o caso da clase maxistral – conferencia impartida por Sergi Bastardas, co- CEO e cofundador de Colvin. Como start-up, Colvin representa un exemplo inspirador para alumnos, comunidade universitaria e sociedade en xeral por axuntar innovación, mocidade, talento e traballo. Todo iso, reflíctese no éxito da compañía que apostou pola dixitalización nun sector eminentemente tradicional como a venda de flores. En pouco máis de 4 anos, logrou impulsar o seu negocio e captar financiamento para seguir crecendo.
Con esta clase maxistral – conferencia, titulada ‘Do campo a casa. Revolucionando o sector das flores e plantas’, explicou ás máis de 170 persoas rexistradas o secreto do éxito desta start-up que deu un xiro a un sector tradicional e primario como o das flores, os aspectos clave da súa innovación, como chegaron a ser unha compañía coñecida internacionalmente facéndose un oco entre as mellores florerías en liña de Europa e como afrontan no futuro.