Antonio Abril Abadín foi reelixido presidente da Conferencia de Consellos Sociais das Universidades Españolas (CCS). A candidatura que encabeza obtivo o respaldo da Asemblea Xeral Extraordinaria que se celebrou este mediodía en formato híbrido -presencial e en liña- para renovar o mandato que ostenta desde novembro de 2017.
Desta maneira, Abril Abadín, presidente do Consello Social da Universidade da Coruña, continuará outros catro anos á fronte da CCS, que aglutina aos Consellos Sociais das universidades públicas e aos consellos e padroados de universidades privadas.
Xunto a el tamén repiten nas dúas vicepresidencias Concha Yoldi (Universidade de Sevilla) e Julio Lage (Universidade Politécnica de Madrid) e nas vogalías María Emilia Adán (Universidade de Valencia), Juan Antonio Campillo (Universidade de Murcia), Javier Cepedano (Universidade de León), Joan Corominas (Universidade de Barcelona), Félix Sanz Roldán (Universidade de Castela-A Mancha), Anxo Tristán (Universidade de Las Palmas de Gran Canaria) e Manuel A. Villa-Cellino (Universidade Antonio de Nebrija).
O presidente agradeceu “a confianza de quen integra a Conferencia despois destes catro anos de traballo nos que a nosa prioridade foi sensibilizar a toda a sociedade sobre a importancia da educación en xeral e da universidade en particular, desde o firme convencemento de que España será, no futuro, o resultado do que hoxe sexa capaz de investir en educación e nas súas universidades”.
Sinalou como camiño a seguir “o que acaba de fixar a OCDE na súa Folla de Ruta para mellorar a transferencia de coñecemento e a colaboración entre ciencia e empresa en España, que insta a redeseñar a gobernanza das universidades para aumentar o seu compromiso coa sociedade, mellorar o seu financiamento e promover a transferencia e a colaboración co sector empresarial”.
Ademais, ofreceu ao novo ministro de Universidades Joan Subirats, “toda a colaboración da CCS ante o reto que representa a próxima aprobación dunha nova Lei Orgánica Universitaria. Tal e como pide a Folla de Ruta da OCDE para a universidade española, a nova Lei debería emular as reformas recentes abordadas en países europeos, transformar o actual modelo de goberno universitario e fortalecer de maneira real o papel e capacidades dos Consellos Sociais, para garantir que conten con suficiente recursos e autonomía para cumprir as funcións que lles deben corresponder como representantes da sociedade na universidade”.
Durante a súa primeira reunión tras a Asemblea, o Comité Executivo ratificou a Miguel Ángel Acosta como secretario xeral da CCS e designou presidentes das Comisións de traballo a Joan Corominas (Comisión Académica), Julio Lage (Comisión de Transferencia e Relacións coa Sociedade) e Javier Cepedano (Comisión Económica).
Antonio Abril Abadín (Viveiro, Lugo, 1957), é avogado do Estado. No ámbito universitario é presidente do Consello Social da Universidade da Coruña. Tamén preside a Comisión Universidade-Empresa da Cámara de Comercio de España e é membro do Padroado das Fundacións CYD e Gadea pola Ciencia e a Empresa. Exerceu ata 2021 como secretario xeral e do Consello de Administración e director de Cumprimento Normativo de Inditex.
Máis información: www.ccsu.es