Antonio Abril, presidente do Consello Social da UDC e da Conferencia de Consellos Sociais (CCS), participou esta mañá na presentación do Informe CYD 2017 sobre a contribución das universidades españolas ao desenvolvemento.
Durante o seu relatorio, Abril recalcou as materias pendentes para conseguir un sistema universitario moderno e competitivo, entre elas, a necesidade de sensibilizar sobre a importancia da educación, reformar a súa gobernanza, mellorar o financiamento, a transferencia de resultados e a internacionalización.
“Temos universidades públicas moi meritorias que, como veñen evidenciando ano tras ano os informes CyD, souberon facer fronte a unha contorna de crise, con diminución constante do financiamento público e privado, garantindo a igualdade de oportunidades e a promoción social dos nosos estudantes. Pero a simple lectura do resumo executivo do Informe CYD que hoxe estamos presentando, destaca que a sociedade española ten unha serie de materias pendentes no seu actual sistema universitario que necesariamente requiren de medidas urxentes”, explicou o presidente do Consello Social.
Así mesmo, destacou que o empeño dos consellos sociais é conseguir “unha reforma estrutural do actual modelo de goberno da universidade pública, claramente inadecuado para acometer os retos dunha universidade no século XXI; un incremento do seu financiamento público e privado; o fortalecemento da terceira misión universitaria e a mellora da internacionalización dos nosos centros de educación superior”.
Os datos reflectidos no Informe da Fundación CYD 2017 amosan que a actividade universitaria española está experimentando unha reconfiguración onde os estudos de grao están perdendo protagonismo, mentres que os mestrados e estudos superiores están a gañalo.
No acto de presentación do estudo tamén participaron o ministros de Innovación, Ciencia e Universidades, Pedro Duque; a presidenta da Fundación CYD e do Banco Santander, Ana Botín; o presidente da CRUE, Roberto Fernández e o presidente do Comité executivo da Fundación CYD, Javier Monzón.
Máis información no Blog da Fundación CYD.