Antonio Abril: “Necesitamos empresas comprometidas coas súas universidades”

Antonio Abril: “Necesitamos empresas comprometidas coas súas universidades”

O presidente da Fundación Cultura de Paz, Federico Mayor Zaragoza, ex ministro de Educación e ex director xeral da UNESCO, abriu esta mañá na Facultade de Ciencias o ciclo de conferencias ‘A universidade pública posible’, dentro dos actos de celebración do 25 aniversario da Universidade da Coruña.

A conferencia de Federico Mayor Zaragoza, baixo o nome ‘A educación superior, na vangarda da nova era que se aveciña’, contou coa presenza do reitor da UDC, Xosé Luís Armesto Barbeito; o presidente do Consello Social, Antonio Abril Abadín; e o decano da Facultade de Ciencias, Moisés Canle López.

Federico Mayor Zaragoza lamentou que a crise económica obrigase nos últimos anos a emigrar a parte do talento formado en España. “Unha das cousas que creo que é das máis terribles para España”, comentou, “é que alumnos que nos custaron moitos anos e que fixeron unhas boas carreiras, teñen que marchar fóra”.

Antonio Abril Abadín, pola súa parte, destacou na súa intervención a importancia que ten para a sociedade a relación entre a educación superior e o tecido produtivo: “Dicir que as universidades deben ser centros de creación de empresas non me parece unha frase acertada, pero si penso que a terceira misión universitaria, que é a transferencia de resultados da investigación e a súa posta en valor polo tecido produtivo, forma parte da esencia da universidade a un nivel parecido que as misións de ensinanza e investigación”.

O presidente do Consello Social engadiu que ese obxectivo require “un cambio na cultura de empresas e universidades, pero paréceme un erro dicir que o achegamento empresa-universidade cuestiona as esencias da academia e mesmo o sagrado principio de equidade universitaria. A universidade pública en España foi e ten que seguir sendo, non xa unha institución que garanta o acceso á educación superior en condicións de igualdade de oportunidades, é dicir, con independencia da capacidade económica do estudantado, senón ademais o grande instrumento de igualación social pola vía do mérito e do esforzo, fronte á cultura da especulación e o enriquecemento fácil que tanto dano lle fixo á sociedade española. Necesitamos ademais empresas comprometidas coas súas universidades”.

Antonio Abril Abadín asegurou que “a universidade é moito máis vítima que culpable da situación de carencia actual de financiamento e dun axeitado sistema de xestión”, pero ao mesmo tempo concluíu que resulta necesario un proceso de adaptación a esa conxuntura actual: “Hai que pedirlle ás universidades un esforzo de adaptación a este mundo global no que vivirá e traballará o noso estudantado, porque o mundo cambia cada vez máis en menos tempo e a universidade ten que seguir ese ritmo. O estudantado e a sociedade necesítano e todos sairemos gañando”.

Discurso completo

Comparte este artículo

Arquivos