Antonio Abril participa en Madrid nas segundas xornadas para presidentes de consellos sociais universitarios

Antonio Abril participa en Madrid nas segundas xornadas para presidentes de consellos sociais universitarios

O Consello Social da Universidade da Coruña, representado polo seu presidente Antonio Abril, participou o pasado 20 de setembro na segunda edición das ‘Xornadas de Información e Debate para Presidentes de Consellos Sociais de Universidades’, cuxa temática foi a orientación social da actividade académica. O encontro, organizado pola Conferencia de Consellos Sociais (CCS) e a Cátedra Unesco de Dirección Universitaria da Universidade Politécnica de Cataluña, tivo lugar nas Escolas Pías, centro asociado á UNED de Madrid.

O relatorio de Antonio Abril, quen tamén é presidente da Comisión Académica da CCS, levou por título ‘Asegurar a conexión universidade-empresa para unha formación de calidade’. O obxectivo deste encontro é o de establecer un intercambio de información e coñecementos sobre o funcionamento e organización das universidades. Trátase por tanto de facilitar aos presidentes de comisións de consellos sociais aqueles coñecementos específicos para os seus ámbitos de actuación.

Nestas segundas xornadas participaron numerosos relatores, como Felipe Petriz, ex-reitor da Universidad de Zaragoza e ex-secretario de Estado de Investigación, quen falou sobre as ‘Estratexias de especialización das universidades’. Miguel Ángel Galindo, director da Axencia Nacional de Avaliación da Calidade e Acreditación (ANECA), centrou o seu discurso na acreditación das titulacións oficiais. O último relator foi Lluis Jofre, ex-director xeral de Universidades da Generalitat de Catalunya, cuxo discurso levou por título ‘A reforma da estrutura das titulacións oficiais’.

Este encontro foi a continuación do levado ao cabo o pasado 20 de abril tamén en Madrid e cuxa temática foi ‘O consello social e o orzamento da universidade: procedementos e equilibrio e sustentabilidade.

Comparte este artículo

Arquivos