Apertura do Curso de Especialización en Responsabilidade e Innovación Social

Apertura do Curso de Especialización en Responsabilidade e Innovación Social

A Cátedra Inditex-UDC de Responsabilidade Social abriu hoxe as súas actividades docentes de 2015 coa conferencia ‘Empresa e corresponsabilidade nas fronteiras’, impartida por Daniel Villanueva, director xeral da Fundación Entreculturas. O relatorio forma parte do ciclo de conferencias ‘En Código Aberto’ e encadrouse dentro do acto de apertura do Curso de Especialización en Responsabilidade e Innovación Social da Cátedra Inditex-UDC.

No acto celebrado no Salón de Graos da Facultade de Economía e Empresa da Universidade da Coruña (UDC) tamén interviñeron o presidente do Consello Social, Antonio Abril; a vicerreitora do Campus de Ferrol e de Responsabilidade Social, Araceli Torres; o decano da Facultade de Economía e Empresa, Anxo Calvo Silvosa; e a directora da Cátedra Inditex-UDC de RS, Marta Rey.

Daniel Villanueva fixo fincapé no papel que poden xogar as empresas na sociedade dende o punto de vista da responsabilidade social. “Nun mundo globalizado”, explicou, “a empresa é un actor clave para montar un armazón social. Entreculturas non busca financiamento, busca compañeiros de viaxe e, entre eles, destacan as empresas”.

O director xeral de Entreculturas apelou ao concepto de “solidariedade” dentro do traballo que realiza a súa Fundación en todo o planeta: “Hai moitas fronteiras que non son prioridade para ninguén, nin para investir, nin para prestarlles atención. Non hai motivos para ir que non sexan outros que a mera solidariedade. Entreculturas está alí para elevar a calidade da educación. Múltiples informes da UNESCO reflicten a inquietude mundial para intervir no ciclo da pobreza coa mellora da educación”.

Antonio Abril, presidente do Consello Social da UDC e secretario xeral de Inditex, insistiu na necesidade de sensibilizar á sociedade con referentes da Responsabilidade Social como Daniel Villanueva” e destacou o importante traballo realizado pola Fundación Entreculturas: “A Compañía de Jesús centra as súas actividades en educación, igualdade e internacionalización das súas accións. Rompeu moitas fronteiras educativas”.

Antonio Abril lembrou tamén a relación que manteñen dende hai 14 anos Inditex e a Fundación Entreculturas. “Inditex asinou en 2001 un programa de acción social co mellor socio posible tras a saída a Bolsa, a Fundación Entreculturas. Este convenio de corresponsabilidade derribou fronteiras e levantou moitas suspicacias. Agora vemos que é algo asumido, lícito e conveniente, pero entón fomos moi criticados”, sinalou o presidente do Consello Social da UDC.

Más información sobre la Cátedra Inditex-UDC.

Comparte este artículo

Arquivos