Un ano máis, a Fundación CYD leva a cabo a enquisa Barómetro CYD, que elabora un diagnóstico sobre o papel das universidades na economía e a sociedade española, así como sobre a evolución das súas tendencias. A análise dos seus resultados e a súa comparación coas anteriores edicións permite analizar a importancia concedida a unha serie de aspectos sobre como se vincula a universidade coa sociedade, cales son os aspectos que se consideran máis relevantes e se hai cambios significativos nas sucesivas edicións derivados dun contorno cambiante.
Dos resultados do Barómetro CYD 2014 poden destacarse cinco aspectos considerados, en termos xerais, como máis importantes, relativos á vinculación da universidade española co seu contorno:
– O papel da formación universitaria como garantía para a obtención de competencias e aptitudes.
– A incorporación de estudantes en prácticas.
– O establecemento de relacións de colaboración tecnolóxica coas universidades.
– O desenvolvemento, por parte da universidade, de políticas de atracción de talento.
– A promoción de actitudes emprendedoras.
Ademais, polo que se refire á evolución das tendencias sobre a contribución das universidades ao desenvolvemento económico e social de España, o Barómetro CYD extrae as seguintes consideracións:
– Observouse un maior nivel de mellora nas seguintes tendencias: a importancia que ten para a universidade a súa relación coa empresa; o fomento da cultura emprendedora, e a contribución da universidade como formadora do capital humano.
– Polo contrario, produciuse un empeoramento, e de maior intensidade que en anteriores anos: na dotación de infraestruturas para a ciencia, a tecnoloxía e a creación e transferencia de coñecemento, e na importancia outorgada polas administracións públicas ás políticas e recursos dirixidos ao sistema universitario.