Crise económica e relación Universidade-Empresa

O pasado día 11 de setembro tivo lugar na Coruña o acto académico de apertura do curso universitario 2009-2010 en Galicia. O previsible protagonismo do tema da relación entre a universidade e o ámbito empresarial –non en van a lección inaugural do curso académico versaba ‘Sobre plásticos e a relación universidade-empresa’ e estivo a cargo do vicerreitor de Ferrol e Relación Universidade-Empresa da nosa universidade, o Dr. Luís Barral Losada– viuse eclipsado polo debate sobre a crise económica e o financiamento das universidades, auténtico eixe sobre o que xiraron as intervencións do presidente da Xunta, do conselleiro de Educación e do reitor da UDC.

Os tres presidentes dos consellos sociais das universidades da Coruña, Santiago e Vigo non tivemos a oportunidade de facer oír a voz dos intereses que representamos, é dicir, os de toda a sociedade galega, mais cando menos esta vez si estivemos na mesa presidencial do acto. Creo que nos resultaría difícil disentir das principais mensaxes que alí escoitamos, tanto dos invocados por quen financia (austeridade en tempos de crise, repartición responsable e priorización vinculada a criterios de eficiencia de recursos públicos) como dos alegados polas financiadas (consideración das achegas á universidade non como gasto, senón como investimento, universidade como principal ferramenta de futuro na xeración de capital humano e de coñecemento etc.); ora ben, gustaría insistir algo máis na relación universidade-empresa que, sequera, o presidente Núñez Feijóo citou como “un dos factores de dinamización que, xunto coa investigación e a innovación, quere aproveitar a Xunta como oportunidade para saír da actual situación de crise” e o vicerreitor de Ferrol e Relación Universidade-Empresa sintetizou con acerto ao dicir que “será necesario un cambio cultural nas universidades que permita que ás misións tradicionais da universidade, de xeración de coñecemento por medio da investigación e de transmisión de coñecemento por medio da docencia, se incorpore con equilibrio a terceira misión de difusión e transferencia de coñecemento e tecnoloxía ao proceso produtivo para que sexa transformado en crecemento económico e benestar social”.

Pensando como representante de intereses sociais na universidade, creo non equivocarme se digo que un dos temas que constitúen o eixe da relación entre a universidade e o mundo da empresa, e preocupa especialmente ao estudantado e ás súas familias, é o da adecuación da formación dos nosos universitarios aos requirimentos profesionais das empresas, auténtica chave para a súa inserción laboral e, por tanto, cuestión de esencial importancia nestes momentos de gran dificultade para atopar emprego.

Unha das iniciativas levadas a cabo polo Consello Social para achegar ao ámbito académico a realidade das organizacións empresariais é o estudo que vén promovendo periodicamente sobre ‘Competencias profesionais dos titulados da UDC’. O seu obxectivo é delimitar as competencias profesionais que, na medida en que son requiridas polas empresas, son, precisamente, as que a persoa cunha titulación universitaria necesita adquirir, desenvolver ou mellorar. O estudo permite determinar a desviación entre a demanda e a oferta real das capacidades profesionais no mercado laboral e, en concreto, a medida en que a UDC lles fai fronte ás demandas deste mercado para que os titulados universitarios adecúen a súa formación en competencias profesionais aos requirimentos empresariais.

A idea central do estudo é que a universidade non só debe de impartir coñecementos ao seu estudantado, senón que ademais ten a obriga de formalo xusto naquelas aptitudes, habilidades e competencias que as empresas reclaman, xa sexan xenéricas ou transversais canto aplicables a calquera saída profesional, xa sexan específicas ou propias de titulacións concretas.

Está a punto de se publicar o último estudo realizado polo Observatorio Ocupacional – servizo da UDC encargado da investigación sobre as condicións de empregabilidade dos titulados universitarios– coa inestimable axuda de 907 empresas e 1.052 titulados. Como novidade, este ano incide ademais en dous temas de especial transcendencia: a ética empresarial e o coñecemento do inglés. As súas conclusións son relevantes, mais só serán útiles na medida en que a universidade as asuma no deseño do perfil das competencias profesionais que cómpre integrar nos seus procesos de formación. Esperemos que así sexa.

Artigo publicado na edición de outubro de 2009 da revista U+S

Compartir esta entrada:
Email this to someone
email
Share on Facebook
Facebook
Tweet about this on Twitter
Twitter
Share on LinkedIn
Linkedin