Os pasados días 15 e 16 de abril realizáronse na Universidade de Sevilla as Xornadas da Conferencia dos Consellos Sociais das Universidades Públicas Españolas (CCS) baixo o título: ‘Consejos Sociales, un puente entre sociedad y universidad’. As xornadas contaron coa intervención do secretario xeral de Universidades do Ministerio de Educación, Màrius Rubiralta; á súa clausura acudiu a ministra de Ciencia e Innovación, Cristina Garmendia, e nelas debateuse, entre outros temas, o da gobernanza da universidade.
O marco para o debate foi o documento: ‘Estrategia Universidad 2015. La gobernanza de la universidad y sus entidades de investigación e innovación’, elaborado en xaneiro deste ano pola Fundación CYD e a CRUE (Conferencia de Reitores das Universidades Españolas) sobre a situación actual da gobernanza universitaria e os seus retos, incluída unha ampla exploración da casuística internacional.
O documento comeza resaltando o papel decisivo que as universidades están chamadas a desempeñar no reto que se lle presenta a España para a súa plena incorporación á sociedade do coñecemento, afirmando con decisión que a consecución deste reto require non só adaptar métodos pedagóxicos e plans de estudo, estruturas de investigación e de transferencia e comunicación do saber, senón tamén tratar reformas funcionais no seu sistema de goberno e de xestión, fortalecendo a vertente executiva dos órganos unipersoais de goberno fronte ás burocratizadas estruturas colexiadas.
Baixo a epígrafe ‘Elementos para un debate’, analízase en profundidade a misión e os obxectivos da reforma da gobernanza. Trátase de lograr que a universidade española sexa de verdade un elemento clave na consecución e no desenvolvemento de valores económicos e sociais relevantes, de que poida competir con garantías no contexto internacional, servir de elemento dinamizador da economía nacional, desenvolvendo coñecemento e proxectos de I+D+i e transferindo os seus resultados ao tecido produtivo, e garantir que se imparta unha ensinanza non só de calidade, senón tamén adaptada en todo momento ás cada vez máis diversas e cambiantes esixencias do mercado de traballo e da sociedade do coñecemento.
A reforma debe lograr, a curto prazo, incrementar a axilidade na toma de decisións, fortalecer a relación sociedade-universidade, permitir unha planificación estratéxica a medio e longo prazo, por riba de condicionamentos políticos e presións de grupos de interese internos circunstanciais, e incrementar a transparencia e a responsabilidade na rendición de contas.
O documento propón os principios que deben inspirar a folla de ruta da reforma: implantación progresiva, flexible e adaptada á cultura e á idiosincrasia da sociedade española -fuxindo da importación automática de experiencias alleas-, comunicación, asimilación e aceptación pola comunidade universitaria.
A análise da experiencia internacional sobre modelos de gobernabilidade das universidades reflicte varias tendencias básicas:
- Fortalecemento do poder dos órganos individuais de goberno fronte aos colectivos: reitor (que mesmo pode non ser académico) e o seu equipo de xestión dotados de maior autonomía, autoridade e marxe de manobra para cumprir cos obxectivos marcados pola Xunta de Goberno, co fin de facilitar unha toma de decisións máis rápida, áxil e flexible, coa conseguinte contraposición en termos de maior responsabilidade e rendición de contas da súa xestión.
- Maior profesionalización das tarefas de xestión universitarias, o que leva a que formen parte do equipo executivo profesionais da organización e da xestión, aínda que non sexan académicos.
- Existencia dunha Xunta de Goberno con crecente presenza de membros externos á universidade, elixidos individualmente (por tanto, sen representación da institución ou empresa de que, de ser o caso, procedan) en función da súa relevancia e méritos na vida social, económica ou cultural e en cuxa designación participan decisivamente os órganos colexiados universitarios. Esta Xunta de Goberno designa o reitor e define a misión estratéxica da universidade.
- Aumento da autonomía universitaria, como vía para a diferenciación, competitividade e excelencia das universidades, dentro dun mínimo marco legal de referencia (diminución da regulación) especialmente no campo do recrutamento, avaliación, promoción e retribución do profesorado.
A hipotética incorporación destas tendencias ao sistema español requiriría unha reforma lexislativa en que terían que se tratar temas esenciais para a gobernanza, como o proceso de elección ou designación do reitor, en que claramente o documento opta polo modelo anglosaxón de reitor designado e removido por unha Xunta de Goberno, con decisiva influencia de membros externos á Universidade, se ben adaptada á tradición española, que sempre reservou a autoridades académicas o goberno das universidades, o que levaría a unha especie de terceira vía, en que a propia comunidade universitaria, a través dos seus órganos colexiados de representación, presentaría ternas de candidatos á Xunta de Goberno, lográndose así a lexitimación académica do nomeamento. Nomeado o reitor, debería poder designar directamente os máximos responsables dos centros, como vía necesaria para poder executar de forma integral e coherente o plano estratéxico consensuado coa Xunta de Goberno.
A CCS expresou que comparte plenamente a misión e os obxectivos da reforma e considera que o documento contén os elementos axeitados para xerar un debate que poida facilitar un consenso entre a universidade e a sociedade en torno á gobernanza universitaria.
Artigo publicado na edición de maio de 2010 da revista U+S