Tecnoloxía, competitividade e universidades

Nos últimos días publicáronse dous informes que deitan luz sobre o papel das universidades nos campos da tecnoloxía e da competitividade, nestes momentos en que aspiramos a construír unha sociedade competitiva, baseada no valor engadido que a innovación e a investigación deben proporcionar aos nosos produtos e servizos para que sexan competitivos nun contorno global.

Trátase do ‘Informe anual de COTEC sobre tecnoloxía e innovación en España’, e do ‘Informe sobre a contribución das universidades españolas ao desenvolvemento’ que tamén anualmente publica a Fundación CyD (Conocimiento y Desarrollo) principal laboratorio de ideas ou think tank da universidade española nestes momentos.

O informe COTEC cita o anuario sobre competitividade do Institute for Management Development (IMC) ‘The World Competitivness Yearbook‘ que é usado como referencia internacional na valoración e comparación da capacidade dos países para proporcionar un contorno que permita ás súas empresas competir con éxito no mercado global. En 2010 España ocupa a posición 36ª, o que revela, un ano máis, que o seu peso económico no conxunto da UE‑27 e da OCDE non se ve correspondido cun peso similar en termos de competitividade e iso é así precisamente porque o seu gasto en I+D e o peso dos resultados desta non se corresponden con aquel.

O informe COTEC insiste en que a competitividade dun país se apoia fundamentalmente no seu esforzo de investimento en investigación e desenvolvemento tecnolóxico (I+D), no seu esforzo para conseguir un capital humano capacitado para adquirir coñecemento e desenvolver tecnoloxías en calquera das formas existentes e na existencia dun tecido empresarial que sexa capaz de aproveitar as fontes de coñecemento e tecnoloxía ao seu alcance para producir produtos e servizos novos que teñan aceptación no mercado global. A produción científica e a xeración de patentes figuran entre os principais indicadores de medición da capacidade produtiva dun país.

En produción científica, España ocupa o posto noveno no mundo. A Universidade, co 53% da produción total, é o principal sector produtor de publicacións científicas de difusión internacional. A achega das empresas españolas á produción de publicacións científicas é moi reducida en relación co peso de España na produción científica total, de modo que entre as 30 empresas do mundo con maior produción científica non existe ningunha española. Mais se da produción científica pasamos á situación das patentes, o panorama é moi distinto. As concesións totais de patentes con efecto en España caeron en 2009 un 9,8% respecto ás de 2008, polo que se mantén a tendencia decrecente que se observa desde 2006. Se se consideran as patentes triádicas (é dicir, as concedidas con efectos conxuntos nas oficinas de patentes europea, estadounidense e xaponesa), que son as de maior valor comercial e de maior significación para os efectos de innovación, as españolas representan o 1,54% do total das rexistradas na UE‑27 e o 0,48% do total da OCDE. Con estes datos, se se ponderan en función da poboación do país respectivo, España ocupa a posición 25ª, con 4,9 patentes por millón de habitantes, unha cifra que está moi por debaixo da media da UE‑27, que é de 29,1 e da OCDE, que é de 38,4.

En xeral, a evolución do gasto interno en I+D por sector de execución en España caeu no sector empresarial o 6,3% (0,74% do PIB, fronte ao 1,15% da UE‑27 e ao 1,63% do conxunto da OCDE) e seguiu crecendo no sector da administración, o 9,5%, e no ensino superior, o 3,2%. Entre os obxectivos da Estratexia de Lisboa da Unión Europea estaba o de que no ano 2010 dous terzos da I+D fosen financiados con fondos provenientes do sector privado. Pois ben, en 2009 o sector privado español financiou tan só o 44% dos gastos de I+D e a participación na súa execución situouse no 55,1%, porcentaxe bastante inferior ás de Alemaña, Francia e Reino Unido, superiores ao 60%. En cambio, a participación das universidades españolas nos gastos internos totais de I+D aumenta ata o 26,7%, a gran distancia dos países europeos comparables. É dicir, en termos de gasto total en I+D, España presenta un modelo de distribución do gasto por sectores totalmente diferente ao dos países europeos comparables, xa que salientan as altas cotas do gasto da administración pública e do ensino superior fronte a unha reducida cota do gasto das empresas. Lembremos aquí que, como puxo de relevo o tamén recente informe da CRUE (‘La Universidad Española en Cifras’) que comentamos no anterior número da revista U+S, en 2008 a actividade investigadora das universidades públicas alcanzou o 50,5% do total, o cal orixinou o seguinte paradoxo que puxo de relevo o informe elaborado pola Comisión de Financiamento do Consello de Coordinación Universitaria en 2007 no seu informe Financiación del Sistema Universitario Español: as universidades máis investigadoras son as que máis se descapitalizan a causa dos gastos que induce a investigación.

Se, por tanto, a actividade investigadora das universidades saca mellor nota que a das empresas nesta crise económica, é grave que, como resalta o informe da Fundación CYD, “o tecido empresarial non aproveite suficientemente os importantes activos das universidades para os seus plans de formación de recursos humanos e innovación, o que reflicte unha disfuncionalidade do sistema universidade‑sistema produtivo, sen dúbida con repercusións nos niveis de competitividade das empresas”.

Ben está ser a 9ª potencia mundial en produción científica, mais non a 36ª en competitividade e disto ten moita culpa o non saber utilizar o potencial innovador e investigador das universidades. Desde os anos 80 fomentouse a investigación científica e técnica na universidade, o que deu lugar a un incremento notable da produción de artigos e da investigación básica, mais non así o das patentes. Patentar estivo pouco valorado dentro das políticas de avaliación e incentivos da carreira universitaria. Resulta xa urxente e inadiable fomentar a cultura produtiva para a xeración, protección e explotación das ideas, produtos e servizos que xurdiren das universidades, primar os resultados da investigación antes que as publicacións, mellorar a eficiencia da investigación a través da modernización da gobernanza da institución e o control da investigación, incentivar os mecanismos de relación universidade‑empresa e un longo etcétera de medidas que de por si encherían outro artigo.

Artigo publicado na edición de xuño de 2011 da revista U+S

 

 

Compartir esta entrada:
Email this to someone
email
Share on Facebook
Facebook
Tweet about this on Twitter
Twitter
Share on LinkedIn
Linkedin