Os Consellos Sociais son os órganos de participación da sociedade na universidade. Deles forman parte representantes dos diferentes intereses sociais, designados polo Parlamento, Xunta de Galicia, os Concellos da Coruña e Ferrol, as asociacións empresariais, os sindicatos e os colexios profesionais, e a súa existencia responde ao obxectivo da necesaria colaboración universidade-sociedade para a mellora da calidade do servizo público de educación superior universitaria e, en consecuencia, para o desenvolvemento social, profesional, económico, tecnolóxico, científico e cultural de Galicia. Por iso, aínda que os consellos sociais teñen importantes funcións de supervisión e control das actividades económicas e do rendemento dos servizos universitarios, o seu principal reto é impulsar a colaboración entre a sociedade e a súa universidade, de tal maneira que esta satisfaga as necesidades do seu contorno, a través das súas tres misións de ensinanza, investigación e transferencia de resultados.
A sociedade necesita hoxe en día universidades investigadoras, emprendedoras, innovadoras, sustentables e internacionais, que formen aos seus estudantes nos coñecementos e nas competencias e habilidades profesionais que hoxe moven un mundo en que cada día desaparecen un pouco máis as fronteiras e que, ademais, sexan capaces de transferir a súa investigación ao tecido produtivo de modo que se convertan en motores do desenvolvemento económico e social e da creación do emprego e da riqueza que tanto necesita a nosa sociedade.
Este reto, de indubidable interese xeral, necesita o compromiso e o apoio da sociedade coa súa universidade e a isto se debe o seu Consello Social, que participou na elaboración do Plano Estratéxico 2020 da Universidade da Coruña e é testemuña da súa firme aposta pola investigación e pola internacionalización nun marco de responsabilidade social.
A pesar da súa corta historia, o esforzo da Universidade da Coruña no ámbito da ensinanza e da investigación conseguiu crear un amplo repertorio de coñecemento e tecnoloxía, cun alto potencial para ser implementada no mercado, en áreas como construción e enxeñaría civil, tecnoloxía da información e das comunicacións, enerxía, recursos naturais e ciencias da saúde, entre outras.
Hoxe, ademais, a Universidade da Coruña é unha referencia a nivel nacional na aplicación, o estudo e a docencia de responsabilidade social.
O Consello Social da Universidade da Coruña está comprometido coa busca da excelencia na docencia e na investigación e, desde logo, coa transferencia ás empresas do coñecemento xerado pola súa universidade. Froito diso, son os diferentes acordos con empresas e institucións para o desenvolvemento de iniciativas público-privadas de interese xeral. Un camiño de colaboración e apoio á universidade en beneficio de toda a sociedade.
Artigo publicado o 15 de xuño de 2014 no suplemento Notable +, en La Voz de Galicia, La Opinión de A Coruña, El Ideal Gallego e Diario de Ferrol