Universidade e emprendemento

O pasado 24 de xaneiro de 2011 o actual embaixador dos Estados Unidos de Norteamérica en España, Alan D. Solomont, pronunciou unha conferencia na fundación Rafael del Pino baixo o título ‘Por que florecen os emprendedores en EE.UU’.

Para Solomont, quen, por certo, non é embaixador de carreira e se define a si mesmo como filántropo interesado na política e empresario na súa dobre faceta de negocio e social, existe, de forma incuestionable, unha relación directa entre o éxito dos emprendedores norteamericanos e o liderado dos Estados Unidos en innovación e economía. Cita ese principio, tan integrado na cultura americana, de que “o que é bo para a General Motors é bo para os Estados Unidos”, séntese da idea de que a prosperidade americana depende da saúde das súas empresas e a Schumpeter cando dicía que todos os progresos económicos son o resultado de innovacións. Na súa opinión, a razón da gran fortaleza económica dos Estados Unidos é, precisamente, a súa capacidade para transformar ideas en inventos e inventos en industrias e esta innovación é precisamente o traballo dos empresarios, porque un emprendedor, a diferenza dun inventor, é capaz de reunir todos os recursos necesarios (capital, xestión, traballadores e estratexia de negocio) para transformar unha invención ou unha nova idea, nun produto que entra no mercado con éxito.

Pregúntase Solomont por que xorden en Estados Unidos tantos emprendedores e resalta dous factores: o primeiro de tipo cultural, América ama os seus emprendedores, concédelles un estatus máis alto e maiores recompensas que ningún outro país do mundo, en segundo lugar os Estados Unidos desenvolveron unha arquitectura de políticas públicas a través de leis, relacións institucionais e incentivos financeiros que estimulan e apoian o esforzo dos emprendedores.

En España necesitamos emprendedores. O cambio de modelo que ten que facer a economía española, xerando produtos e servizos competitivos nunha sociedade do coñecemento global, só se pode realizar a través do emprendemento baseado na investigación e na innovación e, con todo, a miúdo vemos estatísticas e estudos que reflicten que o emprendemento non é precisamente o obxectivo maioritario do noso estudantado universitario. Fronte a porcentaxes de vocación empresarial que en Estados Unidos superan amplamente o 70% dos egresados, en España, só unha porcentaxe, que sistematicamente está por debaixo do 10%, quere crear unha empresa ou traballar como autónomo.

Está claro o papel decisorio das universidades no proceso que suma coñecemento, investigación e innovación e que o transforma en capital humano innovador e xerador de desenvolvemento social e económico, pero a pregunta que debemos formularnos é se, ademais, lle podemos pedir ás universidades que sexan fábricas de emprendedores e, por tanto, que creen as condicións axeitadas para que, quen ten aptitude, atope e consolide a súa vocación empresarial, que o leve a crear postos de traballo, riqueza e, en consecuencia, a ser motores económicos da sociedade. Noutras palabras, cal é o papel da educación universitaria na formación do emprendedor? O empresario nace ou faise?

Un recente estudo, titulado ‘O empresario nace ou faise, educación e empresarialidade na España contemporánea’, publicado na Revista de Historia Económica Journal of Iberian and Latin American Economic History, da Universidade Carlos III de Madrid, trata de investigar, entre os factores que determinan o comportamento empresarial, o posible efecto da educación. A partir dunha base de datos construída cunha mostraxe de grandes empresarios, 643 españois e 1.707 británicos e por medio de análises estatísticas econométricas, estuda os efectos da educación e outras variables sobre algúns parámetros do éxito empresarial. As principais conclusións para España son que o xenio creativo de clase superior non ten gran necesidade de educación, pero con esa única excepción, todo tipo de capacidade empresarial vese potenciada por unha preparación axeitada na idade temperá, de modo que a educación ten un papel determinante na executoria do empresario.

Parece claro que en España hai dúas vías necesarias para mellorar a situación. Por un lado, a mellora do recoñecemento social da figura do empresario como auténtico motor do desenvolvemento socioeconómico e da creación de riqueza. Malia que poida parecer sorprendente, hai aínda moito camiño que percorrer neste sentido na sociedade española. E a segunda vía é a mellora do ensino e da formación nas nosas universidades en competencias e habilidades profesionais, que é parte importante do contorno que precisan as vocacións empresariais para a súa consolidación. A conclusión que extraen os distintos estudos realizados polos observatorios ocupacionais das universidades públicas españolas é unánime: as universidades públicas forman axeitadamente en coñecementos pero non nesas competencias, habilidades, aptitudes e actitudes que son o caldo de cultivo do emprendemento: a institucionalización do recoñecemento da figura do empresario, o afán do risco como reto positivo e valor socialmente recoñecido, o fracaso como fase necesaria do camiño cara ao éxito, o liderado e a xestión de equipos, o compromiso ético, a necesaria internacionalización nun contorno global onde a sociedade do coñecemento fixo desaparecer as fronteiras para a comercialización de produtos e servizos, a responsabilidade social corporativa como compromiso necesario da empresa e elemento diferenciador da simple especulación económica e un longo etcétera que, en definitiva, constitúe a razón do éxito das empresas que, no contorno de crise económica actual, souberon seguir sendo competitivas e sobrevivir.

Pero obviamente, as universidades teñen as súas limitacións e é evidente que só se ensina o que se coñece. As competencias, e habilidades profesionais e empresariais existen necesariamente nas empresas porque son conditio sine qua non para a súa supervivencia, pero sería inxusto pedir que as teña en todo caso o persoal docente e investigador dos centros de ensino superior porque, salvo excepcións, non forman nin poden formar parte do seu acervo profesional, porque non forman parte da súa actividade habitual. É aquí onde xorde con toda evidencia a necesidade de interrelación e achegamento entre a universidade e a empresa. Sexa por compromiso de responsabilidade social corporativa ou por lexítima razón de beneficio, é necesario que as empresas colaboren coas universidades para completar o ensino universitario en coñecementos e para que aquelas sexan capaces de formar futuros profesionais de maneira integral, con experiencia práctica, abrindo e consolidando vocacións empresariais e xerando empresarios, por conta propia ou allea, que se poidan inserir empresarial ou laboralmente nunha sociedade que necesita urxentemente iniciativas que xeren emprego e riqueza.

Artigo publicado na edición de novembro de 2011 da revista U+S

Compartir esta entrada:
Email this to someone
email
Share on Facebook
Facebook
Tweet about this on Twitter
Twitter
Share on LinkedIn
Linkedin