Universidade e sociedade. A hora do cambio

Na última xuntanza da Conferencia de Consellos Sociais das Universidades Públicas Españolas, que tivo lugar en Zaragoza o pasado mes de novembro, o ministro de Educación Ángel Gabilondo dixo literalmente que “as universidades non son propiedade de quen traballa nelas, senón da sociedade”. Idénticas palabras utilizou o reitor da Universidade de Santiago cando interveu, en representación dos tres reitores das universidades galegas, no acto de sinatura do convenio de financiamento coa Xunta de Galicia que tivo lugar en Santiago de Compostela en decembro. A afirmación parece evidente, xustifica a propia existencia dos consellos sociais como órganos de participación da sociedade no goberno da universidade e aparece xa na Lei orgánica 11/1983, de 25 agosto, de reforma universitaria, cuxo preámbulo dicía que “esta lei está vertebrada pola idea de que a universidade non é patrimonio dos actuais membros da comunidade universitaria, senón que constitúe un auténtico servizo público referido aos intereses xerais de toda a comunidade nacional e das súas respectivas comunidades autónomas; a iso responde a creación dun Consello Social, que, inserido na estrutura universitaria, garanta unha participación no seu goberno das diversas forzas sociais”.

Asumindo, pois, que a sociedade é a propietaria da universidade e que esta institución asume a transcendental función pública da educación superior ao servizo dos intereses xerais, é doado chegarmos á conclusión de que a sociedade ten a consecuente responsabilidade de procurar a súa calidade e a súa eficiencia no exercicio das tarefas de docencia, investigación e transferencia de resultados, para así impulsar a denominada terceira misión universitaria, é dicir, a achega das universidades ao desenvolvemento social, cultural e económico da nosa sociedade.

Os que fomos estudantes universitarios na época da transición democrática (no meu caso entre os anos 1974 e 1979) adoitabamos dicir entón que a universidade tiña que fomentar unha inexistente sociedade civil e dirixila cara á consecución do cambio democrático. Hoxe parece claro que é a sociedade civil a que ten a obriga de promover na universidade o cambio cara á modernización para a súa excelencia docente e científica, a súa internacionalización e a súa implicación no desenvolvemento económico e social, e sería un erro pensarmos que esa responsabilidade se limita a lle procurar suficiencia económica e financeira. Moi polo contrario, é evidente que a sociedade tamén ten que dotar as universidades dun marco xurídico axeitado para estas se xestionaren e gobernaren, de maneira que se garanta que poidan ser áxiles e flexibles na toma de decisións e competitivas nun marco de transparencia e rendemento de contas, co obxecto de se adaptaren con rapidez aos cambios que a sociedade reclama.

Esta é a reflexión que suscita a publicación, nos últimos meses, dunha serie de estudos que dunha ou doutra forma reflicten a preocupación da sociedade española pola súa universidade. Trátase do documento ‘Propuestas para la reforma de la universidad española’, promovido pola Fundación Alternativas e o Grupo Parlamentario Socialista no Congreso dos Deputados e, por tanto, moi próximo ás esferas do actual Goberno de España; o titulado ‘Un momento clave de oportunidad para construir entre todos la España admirada del futuro’, promovido pola Fundación Everis, e en que, aínda que non se analiza directamente  situación da universidade española, se fan continuas referencias á súa importancia na necesaria transformación de España “cara aos paradigmas da sociedade do talento, economía do coñecemento e cultura por innovación/emprendemento”; e por último, o documento publicado, a partir dunha enquisa entre empresas, pola Fundación Coñecemento e Desenvolvemento (CYD) titulado ‘La universidad y la empresa española’. Se houbese que resumir nunha frase as conclusións que suscita a lectura destes tres documentos, podería ser sen dúbida esta: España necesita unha universidade mellor e chegou a hora do cambio.

O primeiro dos documentos citados asínano oito profesores universitarios e analiza sucesivamente os que considera os catro principais problemas da universidade española:

  1. O mal financiamento, pois o actual non incentiva a mellora da docencia, nin a calidade do profesorado, nin o rendemento do estudantado.
  2. O deficiente sistema de goberno, baseado nun contrapeso de poderes que impide cambios no seu funcionamento que non foren consensuados, favorece que se dilúan as responsabilidades e tende a facer lenta a toma de decisións. O poder está dividido entre o reitor e os decanos ou directores das facultades e escolas, que son elixidos por votación; tamén os departamentos elixen a súa dirección e poden ter grande autonomía, co cal acostuma ser difícil e custoso implementar iniciativas se entran en colisión cos intereses de colectivos particulares, aínda que respondan aos intereses xerais de toda a universidade e da sociedade.
  3. A endogamia. O sistema de cooptación e apadriñamento que é consubstancial ao recrutamento endogámico –onde a lealdade, os favores e os servizos prestados son prioritarios fronte aos criterios obxectivos– perverte a mesma esencia do traballo universitario, que debe basearse no esforzo, a equidade, o mérito e a capacidade.
  4. O localismo. Falta de mobilidade do estudantado e profesorado, que supón unha falta de perspectiva do carácter esencialmente universal da universidade e do coñecemento: estudantado que provén do seu contorno máis próximo, proporción altísima de profesorado que ten praza no centro onde estudou, estruturas organizativas ríxidas de facultades e departamentos que non favorecen a mobilidade do profesorado e investigación que carece de dimensión internacional.

Desde outra perspectiva, o documento da Fundación CYD sobre a universidade e a empresa española reflicte unha opinión xeneralizadamente negativa das empresas enquisadas sobre o papel da universidade como motor do desenvolvemento económico: un 55% opina que a universidade non conta coa organización apropiada para exercer esa función. Só un 54% das empresas españolas mantén algún tipo de relación coa universidade e o 77% das colaboracións consiste apenas na incorporación de estudantado e/ou titulados en prácticas.

A universidade española ten o coñecemento, o talento e a maior e mellor capacidade de investigación. Liderou a democratización do ensino superior na sociedade do século XX, mais o seu modelo de xestión e gobernación non é o axeitado para lles facer fronte aos novos desafíos do século XXI. É responsabilidade da sociedade, e tarefa de todos, promover a súa mellora.

Artigo publicado na edición de febreiro de 2011 da revista U+S

Compartir esta entrada:
Email this to someone
email
Share on Facebook
Facebook
Tweet about this on Twitter
Twitter
Share on LinkedIn
Linkedin