A Cátedra Inditex-UDC de Sustentabilidade é unha iniciativa de transferencia de coñecemento para fomentar a sustentabilidade e a responsabilidade social dentro da comunidade universitaria e na sociedade en xeral. Nace como espazo de reflexión comunitaria, formación académica e investigación aplicada sobre a sustentabilidade e a innovación social das administracións públicas, as universidades, as empresas e as entidades non lucrativas.
No apartado de formación, a Cátedra desenvolve o Curso de Especialización en Sustentabilidade e Innovación Social (CESIS), título propio da UDC que conta xa con 242 alumni. Durante este exercicio levouse a cabo a oitava edición, que recibiu 105 solicitudes de preinscrición e contou coa participación de 27 alumnos. Oito deles recibiu bolsas de matrícula dotadas por Inditex. A través deste curso de especialización impartíronse 625 horas de formación certificada, repartidas entre sesións ordinarias e seminarios, talleres, titorías, conferencias, e visitas a empresas A docencia está a cargo de profesores do ámbito profesional, docentes da UDC e outros centros. Durante este curso impartiron docencia 35 profesores convidados.
Co obxectivo de promover a transferencia de coñecemento a organizacións sociais, os alumnos do CESIS desenvolveron en equipo, durante o primeiro semestre do 2019 e en colaboración con entidades non lucrativas da contorna máis próxima, cinco plans de acción en resposta a retos de sustentabilidade económica, social, ambiental e de bo goberno.
No apartado de divulgación, a Cátedra desenvolveu a oitava edición do ciclo de conferencias En Código Aberto, coa participación de Antoni Bruel, coordinador xeral de Cruz Vermella Española; Antonio Martínez-Pujalte, profesor titular e director da Cátedra de Discapacidade e Empregabilidade TEMPE- APSA da Universidade Miguel Hernández de Elxe; e James E. Austin, catedrático emérito e cofundador da Social Enterprise Initiative en Harvard Business School.
Finalmente, no ámbito da investigación aplicada, a Cátedra acolle a elaboración da Memoria Anual de Responsabilidade Social da UDC, que este ano se publicou baixo o título “Construíndo o futuro desde a colaboración coa empresa e a igualdade de oportunidades”. Este documento, que se redacta baixo a coordinación técnica conxunta do Vicerreitoría de Responsabilidade Social e do Consello Social da UDC, é un exercicio de transparencia e rendición de contas, con vocación de interrelacionar a comunidade universitaria coas empresas da súa contorna.