Cinco empresas optan á categoría Confianza dos Premios Consello Social UDC

Cinco empresas optan á categoría Confianza dos Premios Consello Social UDC

O Consello Social da Universidade da Coruña recoñece a excelencia dos investigadores, o alumnado e as empresas, así como o seu vínculo coa institución académica, a través dos Premios Consello Social UDC, que contan con tres categorías dirixidas a cada un destes grupos de interese: Confianza, Impulso e Emprende UDC.

As empresas implicadas singularmente no fomento e/ou desenvolvemento de proxectos e iniciativas innovadoras en colaboración coa Universidade no eido da docencia, a extensión universitaria e a I+D+i son as destinatarias da categoría Confianza UDC, que na convocatoria 2018/2019 dos Premios Consello Social rexistrou cinco solicitudes de participación.

A empresa coruñesa que presta servizos de consultoría e optimización da xestión empresarial mediante o aproveitamento das TIC Aldaba Servicios Profesionales é unha das candidatas ao Premio Confianza. Co obxectivo de “crear emprego de calidade colaborando coa formación dos estudantes e recibíndoos nas empresas como porta ao mercado laboral”, Aldaba refire ter colaborado no programa de formación empresarial da Fundación Universidade da Coruña “acollendo a 22 titulados da UDC” e, ademais, participa no programa de prácticas externas da Facultade de Informática e colabora no desenvolvemento do proxecto GERIATIC, Tecnoloxías para a medicina participativa e promoción do envellecemento saudable.

Tamén desde o sector das Tecnoloxías da Información e a Comunicación, a convocatoria dos Premios Consello Social UDC contou coa participación de Avansig, dedicada ao desenvolvemento de solucións TIC e especializada en Sistemas de Información Xeográfica, de Localización en Tempo Real e de Navegación Autónoma. Entre as súas principais colaboracións coa Universidade, figuran as prácticas externas curriculares, a docencia no Mestrado Universitario Innovación e Estratexia Dixital, a recepción de visitas institucionais e realización de xornadas divulgativas, ademais do desenvolvemento de proxectos I+D+i.

Everis Spain é outra das empresas candidatas ao Premio Confianza UDC. Dedicada á consultaría e outsourcing mediante o desenvolvemento de ferramentas tecnolóxicas que faciliten os procesos aos seus clientes, esta entidade colabora coa Facultade de Informática na creación e regulación da Cátedra UDC-Everis en Transformación Dixital, que ofrece prácticas, apoio na realización de proxectos, talleres e conferencias de capacitación.

Tamén a través da creación dunha cátedra entre universidade e empresa presentou a súa colaboración coa UDC a Fundación Deporte Gallego, dedicada ao impulso e fomento da práctica deportiva entre a cidadanía. A Cátedra SXD Galicia Activa inclúe, tal e como recorda esta entidade na súa candidatura, “a realización de tarefas de investigación relacionadas co comportamento e o estudo de vida sedentaria da poboación galega”.

Desde un sector totalmente diferente aos anteriores, dando mostra deste modo do carácter diverso dos Premios Consello Social UDC, outra das empresas que presentou a súa solicitude é Postarquitectos, un estudo de arquitectura, deseño e urbanismo integrado por profesionais formados na Escola Técnica Superior de Arquitectura da Universidade da Coruña. Entre os seus méritos en colaboración coa UDC destaca o proxecto educativo e de difusión académica “A cidade do mañá”, cuxo obxectivo é espertar o interese de nenos e adolescentes para que estean presentes de forma activa nos procesos de construción do espazo común.

Comparte este artículo

Arquivos