Clausura do curso de especialización da Cátedra Inditex-UDC

Clausura do curso de especialización da Cátedra Inditex-UDC

A Cátedra Inditex-UDC Cátedra Inditex-UDC de Responsabilidade Social pechou o pasado venres o curso académico 2014-2015 coa entrega de diplomas ao alumnado do seu Curso de Especialización en Responsabilidade e Innovación Social. O acto tivo como escenario o Paraninfo do Reitorado da Universidade da Coruña e contou coa intervención de Peter McAllister, director de Ethical Trading Initiative (ETI, Iniciativa de Comercio Ético), co relatorio ‘Responsabilidade Social no corazón dunha estratexia sustentable’ dentro do ciclo de conferencias ‘En Código Aberto’.

Peter McAllister chegaba avalado por unha traxectoria de máis de 20 anos dedicado a iniciativas de desenvolvemento e internacionalización de dereitos laborais. “Hai que diferenciar o que é bo para o negocio e o que é bo para a xente. Un negocio de éxito ten que ter en conta á xente e ao medio. As empresas deben buscar beneficios, pero non a calquera costa”, explicou o director de ETI, unha alianza líder de empresas, sindicatos e ONGs, integrada entre outros por membros como Inditex, H&M, Primark, Oxfam e Save the Children.

O acto de clausura do curso académico da Cátedra Inditex-UDC estivo presidido polo reitor da UDC, Xosé Luís Armesto Barbeito; o presidente do Consello Social, Antonio Abril Abadín; a vicerreitora do Campus de Ferrol e Responsabilidade Social, Araceli Torres Miño; e a directora da Cátedra Inditex-UDC, Marta Rey García.

O reitor da Universidade da Coruña fixo fincapé na importancia da actividade desenvolvida pola Cátedra Inditex-UDC. “A responsabilidade social debe estar no centro da axenda das administracións e empresas”, argumentou Xosé Luís Armesto Barbeito, “pero hai moito traballo por diante e é especialmente satisfactorio que a UDC forme profesionais para iso”.

O presidente do Consello Social da UDC destacou así mesmo a importancia de traballar nunha liña de colaboración entre empresa e universidade. “Hai moito camiño por facer en responsabilidade social no contorno empresarial. Estamos a facer na UDC o que necesita a sociedade en materia de colaboración empresa-universidade e na área de innovación social. O benestar da sociedade depende de que as empresas e as universidades xeren valor a partir do talento”, comentou Antonio Abril Abadín.

 

 

Comparte este artículo

Arquivos