CRUE e a Conferencia de Consellos Sociais suman forzas para acelerar o compromiso das universidades co benestar social

CRUE e a Conferencia de Consellos Sociais suman forzas para acelerar o compromiso das universidades co benestar social

Crue Universidades Españolas e a Conferencia de Consellos Sociais das Universidades Españolas (CCS) veñen de asinar un convenio no que se establece un marco xeral de cooperación entre ambas institucións para mellorar as actividades e o servizo á comunidade universitaria e ao conxunto da sociedade.

O documento rubricado polo Presidente de Crue Universidades Españolas, Roberto Fernández Díaz, e polo Presidente da Conferencia de Consellos Sociais, Antonio Abril Abadín, abrirá novas liñas de colaboración. Unha das primeiras accións que se levarán a cabo no marco deste compromiso máis estreito será o encargo ao Instituto Valenciano de Investigacións Económicas (IVIE) dun estudo sobre a contribución socioeconómica do Sistema Universitario Español.

O Presidente de Crue Universidades Españolas, Roberto Fernández, afirmou tralo acto da firma que “este convenio asegura unha alianza estratéxica imprescindible entre reitorías e consellos sociais para a tarefa fundamental de facer das universidades un elemento central no progreso de España”.

Pola súa banda, o Presidente da Conferencia de Consellos Sociais, Antonio Abril Abadín, destacou a importancia deste convenio e desexou que “máis alá das accións concretas que se desenvolvan ao seu amparo, constitúa un instrumento de cooperación conxunta para impulsar a mellora da Universidade española e a súa contribución ao desenvolvemento e ao benestar social do noso país”.

Crue Universidades Españolas e a CCS procuran coa sinatura deste convenio colaborar aínda máis estreitamente no deseño de plans estratéxicos orientados a incrementar o benestar de todos os cidadáns e tamén no desenvolvemento de proxectos de carácter institucional orientados á promoción do estudo. Igualmente Crue e a CCS avanzarán xuntas no desenvolvemento de actividades que reforcen a proxección social da Universidade e o seu compromiso coa sociedade; de iniciativas que redunden na mellora da calidade dos servizos dirixidos á comunidade universitaria española e de accións que poñan de manifesto o impacto da Universidade na cohesión social, así coma na análise e reflexión sobre como impulsar a educación superior, a ciencia e a tecnoloxía.

 

 

Comparte este artículo

Arquivos