O Certame de Creación Gráfica e o gravado como medio de expresión

O Certame de Creación Gráfica e o gravado como medio de expresión

O Certame de Creación Gráfica, convocado anualmente polo Consello Social da Universidade da Coruña en colaboración coa Fundación Centro Internacional de la Estampa Contemporánea, pretende contribuír á proxección da actividade artística en Galicia. A obra seleccionada en 2015, que o Consello Social emprega como felicitación institucional de Nadal, forma parte dunha edición exclusiva realizada e estampada pola artista María Arce (Burgos, 1988) que leva por título “Facultade de Ciencias do Deporte e a Educación Física da Universidade da Coruña, Bastiagueiro, Oleiros”.

Co obxectivo de estimular creatividade dos mozos e mozas con especiais aptitudes no eido do arte gráfico, o Certame contribúe a unha formación de artistas que, en palabras do director da Fundación CIEC, Pedro Galilea, fomenta “a conservación e aprecio do gravado”. Mediante o ensino das técnicas para o seu posterior dominio, explica, aquel convértese “nun aliado dos mozos artistas e un medio máis de expresión”.

A través do Certame de Creación Gráfica, o Consello Social da UDC e a Fundación CIEC pretenden contribuír ao fomento e á proxección da actividade artística en Galicia, cal é a importancia que ten a colaboración da Universidade con outras institucións no fomento do arte?

Na Fundación CIEC supón un claro apoio aos artistas en formación, xa que o apoio tradúcese nunha edición que fai que os artistas se enfronten ao reto de realizar un traballo profesional trala elección da súa proposta.

Entre os obxectivos do proxecto, figura o de estimular a creatividade dos mozos que destaquen por amosar especiais aptitudes no ámbito do arte gráfico. Cal adoita ser o perfil dos participantes?

A Fundación CIEC é un centro internacional, polo que sempre hai alumnos estranxeiros (maioritariamente franceses e italianos), o que contribúe á variedade. En xeral, trátase de artistas de diferentes lugares que tras terminar nas facultades de Belas Artes ou Escolas de Arte deciden seguir formándose, no noso caso no campo da Gráfica, aínda que moitos deles xa teñan tras de si unha importante bagaxe pese á súa mocidade.

Atópase a formación de mozos artistas entre os retos de cara a conservar a tradición do gravado en Galicia?

Por suposto, non hai nada mellor que a formación para contribuír á conservación e aprecio de algo, neste caso o gravado. Mediante o ensino das técnicas para o seu posterior dominio, facemos que o gravado confórmese coma un aliado seu, un medio máis de expresión. Dese xeito, co traballo diario, o actualizan á vez que o fan seu.

Que papel vén desenvolvendo a Fundación CIEC na formación de mozos artistas?

Temos que dicir que a actividade da Fundación CIEC retrotráese a 1997, data da súa posta en marcha, pero será a partires de 2003, coa creación do Máster de Obra Gráfica, cando se dea un gran paso cuantitativo e cualitativo. Neste sentido, hai que sinalar que o máster organízase en módulos de dous meses polos que pasan uns 15 alumnos baixo o atento seguimento de tres ou catro profesores. Isto permite un ensino moi personalizado, adaptándose á personalidade e proxectos de cada lumno. Moitos dos nosos alumnos foron recoñecidos despois por galardóns e bolsas, o que lles permitiu entrar de cheo no campo profesional e protagonizar importantes exposicións.

Como nace este Certame?

Como en moitas outras cousas, tras conversacións, ao principio informais, que van tomando corpo polo interese de ambas institucións; e cun obxectivo claro, o estímulo dos artistas en formación. Debo mencionar a figura de Antonio Abril Abadín [presidente do Consello Social da UDC], que foi o verdadeiro motor do certame, grazas ao seu aprecio polo arte en xeral e a estampa en particular, sempre mantivo unha actitude dialogante e positiva para que o Certame tomara corpo.

Cal é a importancia histórica do gravado en Galicia?

Hai que dicir que o gravado é unha das manifestacións artísticas máis antigas, o cal foi evolucionando a medida das necesidades e capacidades técnicas desenvolvidas polo home. En Galicia, sempre estivo moi presente, xa que tanto os artistas antigos coma contemporáneos servíronse do mesmo para chegar a un maior público, caso paradigmático é Luis Seoane. Proba do peso que o gravado tivo e ten en Galicia é que actualmente hai tres grandes premios internacionais que levan o nome de grandes artistas do gravado: O Premio Internacional Prieto Nespereira, de Ourense; a Bienal Internacional do gravado Máximo Ramos, de Ferrol; e o Premio Internacional de Arte Gráfico Jesús Núñez, que organiza anualmente a Deputación da Coruña.

E a orixe e historia da Fundación que dirixe?

A Fundación créase en 1997 grazas á iniciativa do artista Jesús Núñez. O obxectivo é o apoio e difusión do gravado e dos seus autores. Para isto, o propio Jesús Núñez cede a súa casa, bela construción de 1923 obra modernista do arquitecto González Villar, enclavada en pleno casco histórico de Betanzos, onde instálanse os obradoiros e a importante colección da obra gráfica contemporánea. Trátase dun espazo de encontro, onde compartir saberes e experiencias, ao cal acoden artistas de todo o mundo. Grazas ao apoio da Deputación da Coruña e a outros patrocinios privados podemos desenvolver a nosa actividade ao longo do ano, dirixida tanto aos artistas, proporcionándolles formación, como ao público en xeral a través de obradoiros, exposicións, conferencias e concertos; contribuíndo así á vida cultural do entorno, pero ao mesmo tempo cunha ampla proxección internacional a través dos artistas de moi diversas orixes.

Comparte este artículo

Arquivos