O Consello Social da UDC celebra a I edición de ‘University-Industry Interaction Forum’

O Consello Social da UDC celebra a I edición de ‘University-Industry Interaction Forum’

O Consello Social da Universidade da Coruña (UDC) xunto coa Cámara de Comercio da Coruña celebrou onte a primeira edición de ‘University-Industry Interaction Forum’ co obxectivo de fomentar oportunidades de negocio a través da interacción entre axentes públicos e privados.

‘University-Industry Interaction Forum’ é un foro de reflexión construtivo e plural ao redor da colaboración Universidade-Empresa. Neste encontro tratáronse os retos actuais en materia de gobernanza e xestión universitaria que inciden directamente na actividade de transferencia dos resultados da investigación universitaria ao sector produtivo.

O primeiro encontro comezou ás 9:30 horas, no que se abordaron cuestións relacionadas coa lexislación da universidade. O reitor da UDC, Julio Abalde, sinalou a importancia dun achegamento entre a universidade e as empresas. “É necesario que haxa unha interacción entre a universidade e a empresa para coñecernos e ofrecer sistemas de formación conxuntos polo ben da universidade e da sociedade, xa que nos xogamos o seu futuro”. Abalde aproveitou para subliñar que desde a universidade están a favor dunha reforma: “Non é a primeira vez que a institución experimenta unha modificación no sistema. Por exemplo, co Plan Bolonia mostramos que estamos comprometidos co progreso”.

A universidade pública é de toda a sociedade. Nesa liña continuou o presidente do Consello Social da UDC, Antonio Abril Abadín: “A responsabilidade de dotar a universidade de medios tanto financeiros como de xestión depende de toda a sociedade, e por parte das empresa debe haber un maior compromiso”. Abril apuntou que “a universidade necesita unha reforma porque é o motor do cambio da sociedade e non pode ser unha arma política que cambie cada catro anos”. Tamén destacou que para garantir o desenvolvemento socioeconómico e reducir a taxa de paro xuvenil é necesario “apostar pola formación dual e incrementar a inversión en I+D+i”.

Pola súa parte, o director xeral da Cámara de Comercio da Coruña, Gonzalo Ortiz Amor, sinalou que a súa entidade aposta pola formación e destaca a importancia de iniciativas como este foro, para fomentar a interacción entre o sector público e privado, aínda que “a transferencia de coñecemento está condicionado polo modelo de universidade, e á súa vez o modelo de universidade está condicionado pola gobernanza”, destacou Ortiz.

A educación debe ser unha prioridade e “é necesario que haxa un acordo para realizar a reforma que demanda a sociedade, xa que hai seis anos non existía, e agora tamén é unha responsabilidade política”, apunta o vicepresidente primeiro do Parlamento de Galicia, Diego Calvo Pouso.

Tras afondar sobre os temas relacionados coa xestión e políticas públicas, e a colaboración Universidade-Empresa, deuse paso a outras dúas mesas redondas nas que se reflexionaron o estado do sistema español, galego e da propia UDC en canto a transferencia de resultados ao sector produtivo e os retos e as oportunidades que supón esta transferencia.

 

 

 

 

 

Comparte este artículo

Arquivos