O Pleno do Consello Social da Universidade da Coruña reuniuse onte para decidir os gañadores dos Premios Consello Social UDC 2019-2020.
Co fin de recoñecer publicamente o labor dos grupos de investigación, alumnos e empresas que contribúen de xeito exemplar ao fomento da innovación, o emprendemento, a internacionalización e a posta en valor do coñecemento, o Consello Social da UDC outorga estes premios en tres categorías: Premio Impulso UDC, ao grupo de investigación máis competitivo; Premio Confianza UDC,ao compromiso da empresa coa Universidade; e Premio Emprende UDC, á idea emprendedora máis innovadora.
O Premio Impulso UDC recibiuno o Grupo de Enxeñaría da Auga e do Medio Ambiente (GEAMA) “pola súa extensa actividade de creación e transferencia de coñecemento innovador e unha considerable capacidade de obter recursos económicos de institucións públicas e privadas, acadando un financiamento superior aos 8 millóns de euros para o desenvolvemento de más de 60 proxectos e contratos, executados nos últimos dos anos”.
Pola súa parte, a Empresa Municipal de Augas da Coruña (Emalcsa) obtivo o Premio Confianza UDC “pola notable colaboración coa UDC mediante a realización de accións formativas, de divulgación e transferencia no ámbito da xestión sustentable da auga, enmarcadas na Cátedra Emalcsa, e o impulso de proxectos de investigación, cunha aportación económica que supera o millón de euros”.
Finalmente, Bioloxía e Información Marítima Ártabra (BIMA) recibe o Premio Emprende UDC por ser “un proxecto en actual desenvolvemento da man dun equipo multidisciplinar de profesionais egresados da UDC, que amosa unha grande viabilidade e solidez e resultou gañador en programas internacionais de proxectos emprendedores de innovación”.