O Consello Social da UDC participa na Xornada de Transformación Dixital ‘Encontros na Eira’

O Consello Social da UDC participa na Xornada de Transformación Dixital ‘Encontros na Eira’

O presidente do Consello Social da Universidade da Coruña (UDC), Antonio Abril Abadín, participou onte na Xornada de Transformación Dixital ‘Encontros na Eira’ na Escola de Especialidades da Armada ‘Antonio de Escaño’, en Ferrol. O obxectivo deste encontro foi compartir experiencias e debater sobre os asuntos de actualidade que afectan ao seu colectivo universitario e á cidadanía.
Os asistentes foron recibidos polo Comandante-Director Escola Capitán de Navío, Alfonso Vallés, quen destacou a importancia da transformación dixital na formación do talento na Armada. Pola súa parte, Antonio Abril Abadín, presidente da Conferencia de Consellos Sociais das Universidades Españolas (CCS) e presidente do Consello Social da UDC, explicou o papel da Universidade na sociedade e os retos que queren superar: “É necesario fortalecer a relación universidade-empresa para formar a mocidade segundo as necesidades que demanda a sociedade. Mellorar as competencias e habilidades dos profesionais é unha das misións que debemos cumprir”.

Abril tamén sinalou que outra cuestión que preocupa é a empregabilidade dos titulados, xa que a taxa de paro española é alta: “O sector produtivo non pode acoller a todos os titulados, non obstante, enfrontámonos a un paradoxo porque as empresas non poden cubrir determinados postos TIC que quedan vacantes, polo que non hai un crecemento adecuado nese sector”.

Actualmente, as universidades teñen como reto reducir a brecha de xénero tecnolóxico. “A falta de mulleres neste sector é unha materia pendente e que require dun pacto global, xa que é evidente a igualdade en capacidades e méritos dos dous sexos”, afirmou Antonio Abril.

Coincidindo coa postura de Abril, o reitor da Universidade da Coruña, Julio Abalde Alonso, aproveitou esta xornada para sinalar as diferentes actividades que está a realizar a UDC: “Estamos traballando en detectar as necesidades da sociedade e as empresas para adaptarnos o máis rápido posible a elas. A UDC está lanzando novos títulos e axustando os títulos existentes ao que pide a sociedade, porque nun mundo cambiante no que a velocidade do mercadoesixe adaptarse constantemente ás novas profesións, con competencias modificadas. A universidade non pode tardar sete anos en formalos”.

O director xeral da Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional da Xunta de Galicia, Manuel Corredoira López, fixo unha reflexión positiva do camiño que están realizando as universidades galegas.

Os participantes desta xornada ‘Encontros na eira’ realizaron unha visita guiada polas instalacións da Escola de Especialidades da Armada ‘Antonio de Escaño’, que incluíu a recreación dunha actuación fronte a unha emerxencia no Buque de Acción Marítima ‘Furor’ (o máis moderno da Armada) e a visita á fragata ‘Blas de Lezo’.

 

 

Comparte este artículo

Arquivos