O Consello Social da Universidade da Coruña visita o CITEEC

O Consello Social da Universidade da Coruña visita o CITEEC

Os membros do Consello Social da Universidade da Coruña (UDC) veñen de participar nunha xornada no Centro de Innovación Tecnolóxica en Edificación e Enxeñería Civil (CITEEC) no Campus de Elviña. O obxectivo deste encontro, celebrado esta tarde, foi o de coñecer de primeira man os proxectos levados a cabo polos investigadores do centro no ámbito da construción, concretamente, na súa vertente de edificación e de enxeñaría civil, desde a óptica da análise experimental.

O Consello Social da UDC foi recibido por Juan Rabuñal Dopico, director do CITEEC, e por Salvador Naya, vicerreitor de Política Científica, Investigación e Transferencia, quen foron os encargados de realizar a visita guiada polas instalacións do centro.

Juan Rabuñal Dopico destacou o papel do centro no campo da enxeñería civil: “Temos cinco grandes laboratorios para desenvolver modelos a escala de infraestruturas, e outros cinco máis pequenos. Mediante estes espazos, principalmente podemos estudar os fluxos, velocidades, esforzos, presións e outras variables sobre as infraestruturas hidráulicas e os materiais. Tamén producimos ventos simulados para coñecer as súas resistencias e analizamos a calidade da auga contaminada para propor solucións preventivas”.

Os membros do Consello Social puideron gozar dunha visita guiada polas instalacións do CITEEC, antes de realizar a súa sesión plenaria, onde se aprobaron, entre outros puntos: a modificación do Mestrado en Estudos Ingleses Avanzados, a asignación dos complementos a profesores da UDC e as bases dos Premios do Consello Social 2018-2019.

Comparte este artículo

Arquivos