Co obxectivo de favorecer a interacción entre axentes públicos e privados en torno á colaboración Universidade-Empresa, o Consello Social da Universidade da Coruña, en colaboración coa Cámara de Comercio da Coruña, organiza o University-Industry Interaction Forum, un foro de reflexión construtivo e plural sobre os retos actuais en materia de gobernanza e xestión universitaria que inciden directamente na actividade de transferencia dos resultados da investigación universitaria ao sector produtivo.
A xornada, que terá lugar o 9 de maio entre as 9.00 e as 14.30 horas na Sede Afundación A Coruña, busca promover a interación entre axentes públicos e privados fomentando a construción dunha rede de contactos que axude a xerar oportunidades de negocio.
A xestión e políticas públicas para a colaboración Universidade-Empresa abordarase nunha mesa redonda baixo o título “a transferencia de resultados de investigación como clave para o impulso do desenvolvemento socioeconómico”, que contará coa participación de Diego Calvo Pouso, vicepresidente primeiro do Parlamento de Galicia; Antonio Abril Abadín, presidente do Consello Social da UDC e da Conferencia de Consellos Sociais de Universidades Españolas; Roberto Fernández Díaz, presidente de CRUE Universidades Españolas; Julio Abalde Alonso, reitor da UDC; e Gonzalo Ortiz Amor, director xeral da Cámara de Comercio da Coruña.
Na segunda mesa redonda da xornada, Francesc Solé Parellada, vicepresidente da Fundación CYD, Federico Morán Abad, director da Fundación para el Conocimiento Madri+d, e Salvador Naya Fernández, vicerreitor de Política Científica, Investigación e Transferencia, compartirán cos presentes a súa visión sobre a transferencia de resultados ao sector produtivo no Sistema Universitario Español, no Sistema Universitario Galego e na propia Universidade da Coruña.
Por último, o programa do University-Industry Interaction Forum inclúe unha terceira mesa redonda titulada “Retos e oportunidades: o punto de vista dos axentes que interveñen nos procesos de transferencia”, na que intervirán Richard Duro Fernández, director do Grupo Integrado de Enxeñaría da UDC; Silvia Berrio Alonso, experta AUREN en estratexia, innovación e emprendemento; José Mahía Saavedra, director de Xestión Científico Técnica da OTRI; e Carlos Rey Cabezudo, responsable de I+D+i do Grupo Molduras.
Programa dispoñible para descarga aquí.
Inscrición aquí.