A Cátedra Inditex-UDC de Responsabilidade Social porá o broche de ouro á sétima edición do Curso de Especialización en Responsabilidade e Innovación Social (CERIS) o próximo venres 25 de maio. Durante o acto de clausura, que terá lugar ás 13 horas no Paraninfo da Reitoría da Universidade da Coruña, celebrarase a terceira sesión do Ciclo de Conferencias En Código Abierto 2017/2018, que nesta ocasión contará co director de Better Work, Dan Rees, como invitado.
A conferencia, titulada “25 years of CSR in global supply chains. What have we learned and where do we go from here?”, contará cun servizo de tradución simultánea e será presentada polo Presidente do Consello Social da Universidade da Coruña, Antonio Abril Abadín, xunto á Directora da Cátedra Inditex-UDC de RS, Marta Rey García.
Better Work é un programa da Organización Internacional do Traballo xestionado conxuntamente coa Corporación Financeira Internacional e que reúne ao goberno, os empregadores, os traballadores e as marcas internacionais para mellorar as condicións de traballo e a competitividade na industria mundial da roupa e o calzado. O programa está actualmente en funcionamento en sete países e conta con máis de 1.500 fábricas que empregan a máis de dous millóns de persoas.
Os interesados en acudir á conferencia deberán confirmar a súa asistencia ata o próximo 24 de maio enchendo este formulario.
Máis información a través do teléfono 981 167 000 Ext. 4407.