A inauguración da sexta edición do Curso de Especialización en Responsabilidade e Innovación Social (CERIS) da Cátedra Inditex-UDC de RS contou coa participación do presidente de Fundación A Fageda, Cristóbal Colón Palasí, que ofreceu o relatorio Que teñen en común tolemia e empresa?, o primeiro relatorio do ciclo de conferencias En Código Aberto 2017.
Durante o acto de apertura, tanto o reitor da Universidade da Coruña, Julio Abalde Alonso, como o presidente do Consello Social, Antonio Abril Abadín, destacaron a importancia da colaboración Universidade–empresa, poñendo sobre a mesa o convenio de colaboración entre a UDC e Inditex, que dende 2010 fomenta “un espazo de reflexión comunitaria, formación académica, investigación aplicada e divulgación sobre a responsabilidade social das organizacións”.
A directora da Cátedra, Marta Rey García, pola súa banda, deu a benvida á trintena de estudantes e profesionais que se converterán nuns meses na sexta promoción do CERIS e destacou o contacto permanente coa rede de 162 alumnos das cinco primeiras edicións do Curso de Especialización.
A continuación, a Facultade de Economía e Empresa da UDC, representada no acto polo decano Anxo Calvo Silvosa, acolleu unha charla centrada na importancia de “decidir que é o máis importante na vida” e cambiar de rumbo as veces que sexa preciso. Así expuxo o presidente de Fundación A Fageda como xurdiu, do que no seu momento moitos tacharon de “tolemia”, o seu proxecto de emprendemento social: unha cooperativa de integración sociolaboral que, dende 1982, emprega a gran parte das persoas con discapacidade psíquica da comarca catalá da Garrotxa.
Un exemplo de laborterapia, neste caso centrada na produción de iogures, sobremesas lácteas e marmeladas, co que Colón Palasí destacou a importancia do traballo para recuperar a dignidade das persoas.