Manuel Arenilla Sáez, catedrático de Ciencia Política e da Administración e director do Instituto Nacional de Administración Pública (INAP), é tamén autor de “A reforma da universidade española” (2012), publicada polo Consello Social da UDC. O experto volve manter relación coa Coruña os días 9 e 10 de outubro, pois é o director dun curso sobre innovación na Administración pública organizado pola UIMP Galicia. Aproveitamos a ocasión para falar con Manuel Arenilla sobre os retos das administracións públicas.
Cales son os retos da Administración pública na actualidade?
Os retos son distintos dependendo a quen se pregunte por eles. Así, os científicos sociais falan dos problemas de gobernanza, de confianza, da desafección cidadá respecto das institucións políticas e da integridade; os xuristas, dos retos relacionados coas persoas, como a dignidade, a liberdade, a solidariedade e a xustiza, ademais da globalización; os políticos, da confianza cidadá. En fin, os cidadáns manifestan a súa preocupación polo benestar, a seguridade e o futuro.
Por onde habería que comezar na atención a eses retos?
Quizais a tarefa máis urxente cando se abordan procesos de innovación pública sexa redefinir, mediante un amplo debate, as funcións do Estado en relación coa sociedade, o mercado e o individuo, así como revisar o modelo de relacións e xestión intergobernamentais. Isto supón redefinir a carteira de servizos públicos de acordo coas necesidades e prioridades sociais e os criterios de sustentabilidade e equilibrio financeiro. Trátase de reescribir o contrato que liga ás institucións políticas coa sociedade.
Por que se caracterizaría a Administración do futuro?
Do futuro e xa do presente. O Estado e a Administración deben activar aos cidadáns para que actúen no ámbito público. Isto debe levarlles a fortalecer o compromiso do cidadán co ben común e coa democracia. Deben implicar aos cidadáns na súa responsabilidade coa sociedade e coas institucións políticas, para o que as institucións político-administrativas deben ser eticamente exemplares e favorecer o coñecemento político e social entre os cidadáns. Desta forma, poderase axudar a reducir a distancia dos cidadáns cos políticos e a Administración.
Cre que se producirá unha redución do Estado e do seu papel na sociedade?
Necesitamos un Estado forte, que non grande, que sexa socio, ámbito de actuación, garante do diálogo coa sociedade e que atenda os intereses da comunidade. Un Estado que siga sendo un actor decisivo na area política nacional e global e que garanta a cohesión social, os dereitos e liberdades e a mellora efectiva da vida das persoas. Un Estado que debe centrarse en lograr a efectividade das súas funcións mediante unha combinación de liderado público e de iniciativa, xestión e colaboración entre as institucións públicas, o mercado e as organizacións sociais.
Cal é o significado da innovación no ámbito público?
A innovación non é unha opción para a Administración xa que con ela búscase satisfacer mellor as necesidades sociais; adoptar como principio o cambio na actuación; lograr uns servizos públicos de maior calidade, eficientes, eficaces e seguros; e colaborar coa súa contorna contando coas persoas como protagonistas do cambio. A innovación na Administración pública debe encamiñarse a establecer unha serie de criterios e solucións de boa xestión pública baseados no dereito a unha boa Administración. A procura da lexitimidade democrática non pode facerse sen a consideración da eficacia da xestión pública como un dereito dos cidadáns.
No curso tamén se aborda a innovación social, que significado ten?
A innovación social supón compartir a responsabilidade da marcha da sociedade cos cidadáns e as súas organizacións e crear comunidades de coñecemento transformadoras. A innovación social debe entenderse como a aplicación de ideas e prácticas novas no ámbito da xestión pública co obxectivo de xerar valor social. Implica a resolución dos problemas máis perentorios das persoas e a satisfacción das súas principais necesidades que non están a ser atendidas; busca a mellora das condicións de vida preexistentes, dos niveis de participación en xeral e, máis concretamente, delas condicións de vida dos grupos máis vulnerables da sociedade.
Cales son as principais barreiras para que se produza a innovación?
Os diversos estudos realizados no ámbito público e no privado sinalan as seguintes: a escaseza de talento nas organizacións; a falta de redes estables de relacións; a cultura administrativa; a falta de traballo en equipo; razóns financeiras; un coñecemento insuficiente da contorna no que se actúa; a burocracia; a dificultade para aplicar as boas prácticas; a escaseza de liderado.
Pola contra, que é o que pode facer avanzar a innovación?
Sabemos que a innovación se desenvolve con máis facilidade nun ecosistema administrativo no que domine a cultura da inclusión, a diversidade e a colaboración; que favoreza un goberno aberto fundamentado na transparencia, a participación efectiva das persoas e os grupos sociais e na avaliación e rendición de contas da actividade pública.
De que maneira as tecnoloxías actuais poden favorecer a innovación pública?
Máis aló do seu indubidable efecto transformador da xestión, por si mesmas non implican o cambio cultural necesario para que se produza a innovación. Estamos a falar da necesidade de que se produzan cambios sociais e para iso requírense transformacións organizativas, do modo de pensar, a modernización da normativa, a modificación, ás veces profunda, dos comportamentos dos consumidores, decisións políticas e un forte liderado público sostido no tempo.
Que fenómenos na actualidade están a impulsar a innovación?
Destacaría a compra pública socialmente responsable e innovadora; a formación en competencias no ámbito público; o enfoque do bo goberno regulador; os proxectos que potencian a inclusión e a diversidade; a dixitalización da Administración; a Axenda 2030 de Nacións Unidas e os Obxectivos de Desenvolvemento Sustentable a ela asociados; e o enfoque da innovación social como coprodución de servizos públicos.