O Pleno do Consello Social da Universidade da Coruña aprobou, na sesión celebrada o 20 de decembro, o orzamento e o Plano Operativo Anual da UDC correspondentes a 2019, así como a proposta orzamentaria do propio Consello para o mesmo período e o calendario de plenos para o próximo ano.
Durante a sesión plenaria, tamén foron informados favorablemente o complemento autonómico ao recoñecemento polos cargos de xestión a profesores da UDC (convocatoria 2017) e a aceptación dunha doazón do profesor emérito Juan Ramón Vidal Romaní.
Antes de finalizar a reunión, a UDC informou sobre os convenios aprobados en Consello de Goberno e o Pleno aprobou a proposta de tarifas dos Servizos de Apoio á Investigación para o exercicio 2019.
Durante o espazo reservado para rogos e preguntas, o reitor da Universidade da Coruña, Julio Abalde Alonso, expuxo a iniciativa da institución académica de crear un centro tecnolóxico avanzado en parte da parcela que ocupa a Fábrica de Armas, para a cal recibiu o respaldo do Pleno do Consello Social.