O presidente do Consello Social da Universidade da Coruña (UDC), Antonio Abril, participou hoxe nas xornadas ‘Comunicación e Responsabilidade Social’, organizadas pola Rede de Gabinetes de Comunicación das Universidades Españolas. A cita, que tivo lugar na Coruña, foi inaugurada polo reitor da UDC, Julio Abalde.
Abril, no seu relatorio ‘A Responsabilidade Social, compromiso estratéxico necesario na Universidade do século XXI’, expuxo a necesidade de que as institucións públicas sigan estándares de responsabilidade social.
“O sistema de xestión e goberno das universidades ten que cambiar. Ten que adaptarse á realidade”, expuxo o presidente do Consello Social da UDC, que sinalou que o servizo público, así como a independencia e a responsabilidade social, deben ter unha coexistencia posible e necesaria. “Ten que haber unha asunción por parte da Universidade dun conxunto de principios e valores éticos, sociais e medioambientais, implementados nos procesos clave da súa xestión interna e tamén na súa tripla misión de docencia, investigación e transferencia de resultados”.
Ademais, Abril expuxo ante os responsables de comunicación das universidades españolas as liñas estratéxicas da UDC en responsabilidade social, así como dous proxectos concretos do Consello Social: Cátedra Inditex-UDC e Espazo Compartido.