Dez retos tecnolóxicos inclusivos, 125 novos talentos e no horizonte, pero cada vez máis preto, o obxectivo de mellorar a calidade de vida das persoas con parálise cerebral. O programa Talentos Inclusivos encara a súa recta final con satisfacción polo compromiso e a motivación que están a demostrar os 101 estudantes de secundaria dos 8 centros educativos participantes. Uns avances que son seguidos e postos a proba por 24 usuarios e usuarias de Aspace Coruña, cos que traballan da man e con tesón para resolver con éxito a decena de desafíos tecnolóxicos inclusivos que terán unha aplicación na súa vida diaria.
A pandemia impediu que estudantes e usuarios puidesen coñecerse en persoa, pero o seguimento en liña demostrou que o interese por parte dos novos talentos por aprender máis sobre a parálise cerebral e a realidade das persoas con parálise cerebral foi en aumento en cada sesión. A coordinación de Talentos Inclusivos desde Aspace Coruña, Iria Robles e Rubén Carneiro, destaca a activa participación do alumnado na procura de solucións, na maioría dos casos, personalizadas. “Están a aprender competencias de tecnoloxía, informática e programación, pero tamén hai que valorar que están a aprender dunha maneira diferente, aplicándoo socialmente e iso motívalles”, explica Robles.
O entusiasmo tradúcese nas 24 usuarias e usuarios que proban cada unha das solucións axudándolles a melloralas e perfeccionalas coas súas suxestións. Robles sinala o ilusionados que están por cada paso adiante que se dá pois “hai elementos que antes non podían usar e están a comprobar que, cando o programa finalice, van poder facelo e en moitos casos gañarán en autonomía”.
Un exemplo claro desta maior autonomía constitúeno dous dos retos tecnolóxicos inclusivos: o que desenvolven os 15 alumnos e alumnas de 3º da ESO e 1º de Bacharelato do IES Miraflores de Oleiros e un dos equipos do IES As Mariñas de Betanzos. Ambos están a fabricar coas súas impresoras 3D produtos de apoio para actividades da vida diaria como ensanchadores para culleres e garfos ou asas para vasos. O IES das Mariñas de Betanzos, que participa con dous grupos de estudantes xa que son 22 os participantes, tamén está a traballar na adaptación eléctrica e a estrutura de dous coches de exploración temperá. “É un exercicio causa-efecto para aqueles nenos e nenas que non teñen motricidade, permitiralles explorar a súa contorna cun botón ou co mando a distancia que posúe”, engade.
O colexio Salesianos San Juan Bosco da Coruña tamén aborda dous desafíos. Ambos os igual de ilusionantes. Por unha banda, lograr controlar un dron cun ‘joystick’ adaptado a través do movemento da man ou a cabeza, e que xa lograron que despegase. Pola outra, o desenvolvemento dun pulsador adaptado para acender e apagar un computador que vai sorprender polo seu deseño.
Os pulsadores son a alternativa que están a adaptar os 10 mozos e mozas do IES de Ortigueira a diferentes xoguetes como un piano en modo alfombra cuxo funcionamento mostraron en redes e ao que están a incorporar novas funcionalidades.
No ámbito do xogo tamén participan os 4 alumnos e alumnas do Sofía Casanova de Ferrol que traballan na programación de diferentes videoxogos a que os usuarios e usuarias de Aspace Coruña sempre quixeron xogar, pero resultaba imposible pola cadencia en velocidade e aos seus movementos. A estimulación sensorial tamén ten moita importancia nun dos retos tecnolóxicos inclusivos no que están inmersos os seis alumnos e alumnas do IES David Buján de Cambre que preparan con moito detalle un traxe de luces que estará controlado con pulsadores adaptados.
Desde o Colexio Calasanz da Coruña, cun total de 23 alumnos participantes, afánanse xa na programación para fixar a sensibilidade e velocidade dun coche-robot teledirixido, que conta cunha placa microbit e que se manexa cun ‘joystick’ adaptado. E tamén moi avanzado atópase o ‘parktronic’ e sensores luminosos e sonoros xa instalados nunha cadeira de rodas para evitar colisións.
Talentos Inclusivos avanza para conseguir dous dos seus obxectivos principais: mellorar a calidade de vida das persoas con parálise cerebral e, ao mesmo tempo, fomentar a promoción das profesións STEM entre os máis novos. O terceiro obxectivo, a concienciación e o compromiso coa inclusión social e o traballo en equipo inclusivo fixérono posible os 125 participantes que contaron co apoio dos seus profesores, docentes da Universidade da Coruña e profesionais do CITIC.