Espazo Compartido abre a preinscrición para a súa VI promoción

Espazo Compartido abre a preinscrición para a súa VI promoción

Espazo Compartido, programa de formación para persoas con discapacidade cognitiva, abre o seu prazo de preinscrición para o alumnado que formará parte da súa VI promoción. O curso 2023/2025 oferta 18 prazas para estudantes con idades comprendidas entre os 18 e os 30 anos, que teñan recoñecida a súa situación de discapacidade e que se atopen inscritos no sistema de garantía xuvenil.

A preinscrición deste título propio da Universidade da Coruña permanecerá aberta ata o venres 19 de maio e pode realizarse no seguinte enlace https://cutt.ly/u9vwzox

Igualdade de oportunidades e inclusión

O programa Espazo Compartido, apoiado desde os seus inicios polo Consello Social da Universidade da Coruña, promove a igualdade de oportunidades no ámbito educativo, laboral e social. O seu obxectivo é a formación de mozas con discapacidade cognitiva nunha contorna universitaria en habilidades sociais, persoais e competencias básicas para impulsar a súa empregabilidade.

Cada promoción ten unha duración de dous cursos académicos, implica unhas 900 horas de formación por curso impartidas por un equipo docente interdisciplinar e contempla prácticas laborais en servizos propios da UDC e en empresas externas.

Ademais da docencia regrada, os alumnos participan en talleres de formación complementaria nos que adquiren coñecementos para preparar o seu currículo ou unha entrevista de traballo; primeiros auxilios; preparación de oposicións; e manipulación de alimentos, entre outros. O equipo de Espazo Compartido tamén realiza intercambios universitarios e promove unha formación inclusiva con outras titulacións da UDC. Ademais, realizan actividades relacionadas coa cultura, o deporte e a saúde no ámbito universitario.

Prazos para inscribirse en Espazo Compartido

Actualmente, o equipo do programa está inmerso na preparación das prácticas en empresas para os estudantes da V promoción e na posta en marcha da VI promoción.  Unha vez finalizado o período de preinscrición para os cursos académicos 2023/2025, desenvolverase un proceso de selección levarase a cabo entre o 29 de maio e o 16 de xuño.

A lista provisional de admitidos publicarase o 1 de xullo e o proceso de matrícula para os novos alumnos da VI promoción comezará o 15 de xullo.

A preinscrición pode realizarse en https://cutt.ly/u9vwzox

Comparte este artículo

Arquivos